O Concello de Lugo presenta a programación de Tarde Tardiña, a proposta cultural destinada ao público infantil e familiar que encherá de actividade a Praza de Santa María durante este verán cunha selección de espectáculos de teatro, circo, maxia e humor da máxima calidade.
Esta edición chega reforzada grazas a unha planificación coherente, racional e profesional que permitiu mellorar a organización do programa respecto de anos anteriores e consolidar unha oferta cultural estable durante dous meses.
Deste xeito, Tarde Tardiña dá continuidade á aposta do Goberno local por achegar a cultura á cidadanía neste tempo estival, complementando iniciativas novedosas postas en marcha este ano, como o ciclo Cine na Rúa, desenvolvido durante o mes de xullo cunha excelente acollida por parte do público e que tamén levou por primeira vez este tipo de programación cultural ao rural, corrixindo unha ausencia que se viña prolongando ao longo dos últimos anos.
A programación de Tarde tardiña destaca pola presenza de compañías e artistas de primeiro nivel, recoñecidos tanto polo seu prestixio profesional como pola súa traxectoria nos principais escenarios nacionais.
Entre eles figura LaNördika, distinguida co Premio Nacional de Circo 2024 polo seu labor na dramaturxia circense, así como o popular Wilbur, coñecido polo gran público polas súas aparicións televisivas e considerado un dos referentes do circo contemporáneo e do humor familiar.
Xunto a eles, Tarde Tardiña reunirá outras compañías de referencia que ofrecerán espectáculos pensados para todas as idades, combinando entretemento, creatividade e valores educativos nunha programación deseñada para converter o espazo público nun lugar de encontro para as familias.
A programación presentada acredita a continuidade deste ciclo cultural, que ademais medra en contidos e calidade artística, consolidándose como unha das principais propostas de lecer familiar do verán lucense.
O Goberno local reafirma así o seu compromiso coa cultura de proximidade e coa creación dunha oferta cultural diversa, accesible e de calidade, capaz de achegar as artes escénicas ao conxunto da cidadanía e de dinamizar os espazos públicos da cidade durante os meses de verán.














