O Concello de Lugo incorpora nesta edición do Caudal Fest novas medidas para facilitar a experiencia das persoas asistentes e favorecer unha celebración máis cómoda, máis sostible e máis comprometida, tal e como destacou esta mañá a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, durante a presentación do festival.
A primeira das novidades xa comezaba hoxe na Casa do Concello, onde as persoas que van acudir ao Caudal Fest poden recoller e colocar a súa pulseira de acceso de maneira anticipada. A prepulseirización estará dispoñible hoxe mércores e mañá xoves, de 12:00 a 20:00 horas, permitindo chegar ao recinto coa pulseira xa colocada e evitando ter que agardar para realizar este trámite alí.
É a primeira vez que se ofrece esta posibilidade, unha medida pensada para facilitar o acceso ao recinto e mellorar a experiencia das persoas asistentes desde o primeiro momento.
Máis transporte público para favorecer unha mobilidade sostible
En materia de mobilidade, o Concello duplicará o venres e o sábado o número de autobuses urbanos que conectarán de xeito gratuíto o centro da cidade coa Volta da Viña, nas inmediacións do recinto.
- PUNTO DE SAÍDA: Praza de Bretaña
- DESTINO: Para da Volta da Viña (nas inmediacións do recinto do festival)
- HORARIO: En ambas xornadas (venres 18 e sábado 19 de setembro), os autobuses funcionarán ininterrompidamente desde ás 16.30 ata ás 3.45 horas (reforzaras con máis autobuses de 22.30 a 3:30)
Compromiso social e promoción de Lugo
Ademais, haberá postos informativos de ALUCEM, Alcer Lugo e Auxilia, tres entidades sociais que poderán visibilizar o labor que desenvolven na cidade. O recinto contará tamén cunha xaima con información turística para achegar aos asistentes os recursos e atractivos de Lugo.
Como actividade complementaria, o venres pola tarde ofrecerase unha visita guiada á Fábrica da Luz e á súa contorna, situada nas inmediacións do recinto. A visita, que se desenvolverá sen cita previa, de 17:00 a 18:00 horas, permitirá achegar aos asistentes o patrimonio natural da contorna do Miño, así como coñecer este edificio, recentemente rehabilitado.
Deste xeito, o Caudal Fest convértese tamén nunha oportunidade para descubrir Lugo máis alá da música, poñendo en valor o patrimonio e os espazos que forman parte da contorna na que se celebra o festival.
Un dispositivo especial de limpeza durante o festival
O Concello tamén reforzará o dispositivo de limpeza e recollida de residuos con motivo do Caudal Fest. Instalaranse 21 colectores de 800 litros para facilitar a recollida de lixo durante a celebración do festival.
Durante o sábado e o domingo realizarase a recollida dos residuos cun camión colector, un condutor e un peón, mentres que o dispositivo de limpeza dos exteriores do recinto contará cun vehículo auxiliar e dúas persoas.
Ademais, unha vez rematado o desmontaxe de todas as instalacións do festival, procederase á limpeza dos exteriores do recinto, co obxectivo de deixar novamente estes espazos nas condicións habituais.
Lugo tamén estará presente a través dos artistas
O Caudal Fest será tamén unha oportunidade para proxectar a imaxe de Lugo e dar a coñecer a cidade a través dos artistas que participan no festival, vinculando a súa presenza na cidade co patrimonio, os recursos e as iniciativas que se desenvolven en Lugo.
Durante a presentación desta mañá, Elena Candia destacou que o obxectivo destas medidas é que as persoas que acudan ao Caudal Fest poidan gozar do festival desde o primeiro momento, cunha experiencia “máis cómoda, máis sostible e máis comprometida”.
A alcaldesa puxo como exemplo a prepulseirización, que permite por primeira vez realizar este trámite na Casa do Concello: “Se vés ao Caudal Fest, isto interésache. Por primeira vez poderás obter a túa pulseira de acceso no Concello, hoxe e mañá, de 12:00 a 20:00 horas, sen ter que agardar aquí”.







