O grupo do Partido Popular na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) urxe, unha vez máis, que o Goberno central informe dos fondos que recibirán os concellos galegos a través da Participación nos Ingresos do Estado (PIE) e alerta que a «incertidume» xerada pola falta de Orzamentos Xerais no Executivo de Sánchez está condicionando a xestión financeira dos municipios galegos. «Unha vez máis, vemos o desprezo do Goberno de España pola autonomía local e por Galicia. Insistimos na importancia de saber que ingresos recibiremos os concellos para poder aprobar os nosos orzamentos en tempo e forma», sinala o vicepresidente primeiro e voceiro dos populares galegos, Ángel Moldes.
Así o trasladou na reunión da comisión executiva da FEGAMP, na que os populares insistiron na «falta de resposta» do Goberno de Sánchez ante as peticións do PP para coñecer con que partidas contarán os municipios galegos de cara a 2027, unha cuestión «fundamental para o interese da veciñanza». Para o Grupo Popular na FEGAMP queda acreditado de novo o «desprezo do Goberno central pola autonomía local».
Ángel Moldes lembra tamén que o ano pasado os concellos galegos recibiron «ata tres cantidades distintas», unha cuestión que «complica a xestión dos concellos e do traballo diario dos técnicos para elaborar uns orzamentos axeitados en tempo e forma». Igualmente, destaca que a semana pasada se trasladou esta situación na xunta de portavoces da FEGAMP por parte do Grupo Popular.
«Esta situación é unha demostración máis da importancia que ten ter Orzamentos ou non. Que Sánchez non os aprobe prexudica os intereses da veciñanza e de todos os concellos galegos», sinala Moldes.
Por último, insiste na necesidade de «transparencia» por parte do Goberno central para que os concellos galegos «coñezan con claridade os recursos que lle pertencen, para que poidamos traballar».







