O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presidiu esta mañá na Delegación o acto de condena dos últimos feminicidios ocorridos en España: unha muller de 57 anos en Tenerife este pasado mércores, unha muller de 43 anos en Toledo falecida o pasado 23 de abril, e unha muller de 58 anos asasinada o pasado 17 de marzo en Tarragona e que foi declarada como vítima da violencia de xénero esta semana. Tras expresar a súa conmoción por esta serie de crimes, o delegado transmitiu a súa solidariedade e pésame ás familias e persoas achegadas das vítimas.
Estas mortes elevan a 19 as vítimas da violencia machista en España durante este ano, ás que se unen 3 menores asasinados en crimes de violencia vicaria. Desde que existen rexistros, 1.360 mulleres foron asasinadas pola violencia machista en España. Xunto a elas, o delegado lembrou que “miles de mulleres son a diario vítimas de violencia machista baixo distintas formas, como a económica, e mesmo a vicaria, a que se exerce contra os fillos e as fillas”.
Pedro Blanco reiterou o compromiso do Goberno por seguir traballando en unidade, administracións, sociedade e forzas de seguridade, na súa protección e na eliminación de todas as violencias contra as mulleres.
No acto tamén participou o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde.













