A Deputación da Coruña licita a execución das obras dunha nova sala de usos múltiples para o centro sociocultural de Rocha Forte, no concello de Santiago de Compostela. Esta intervención conta cun orzamento total de 172.318,33 euros e o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas rematará o 8 de xuño.
A nova infraestrutura responde á necesidade de ampliar a capacidade actual do centro, que hoxe se ve desbordado pola participación nas actividades culturais e veciñais que promove a Asociación Cultural da Rocha Forte, chegando a congregar máis de 200 persoas en varios eventos, o que supera a capacidade máxima do local.
O proxecto consiste na creación dun espazo cuberto estilo «alpendre» que se integrará na parte posterior do edificio. En suma á creación deste novo espazo, os traballos inclúen melloras no saneamento co desprazamento da fosa séptica e a instalación dun sistema de bombeo, así como traballos de impermeabilización e drenaxe perimetral para protexer o edificio de filtracións de auga.
Ademais de satisfacer a demanda de espazo para a programación lúdica e cultural da asociación, a nova sala funcionará tamén como unha zona de descanso estratéxica para os peregrinos que percorren o Camiño Portugués cara a Compostela. A localización da parcela, xunto ao trazado da ruta xacobea e próxima ao xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte, converte esta intervención nun punto clave para a información e acollida de visitantes.













