O pleno da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que preside José Manuel Rey Varela, abordou hoxe a situación de prealerta por seca activada a semana pasada por Augas de Galicia e fixo un chamamento á responsabilidade e á colaboración de toda a cidadanía para facer un uso racional e responsable da auga.
O presidente da Mancomunidade, José Manuel Rey Varela, lembrou que os concellos da comarca xa adoptaron dende o pasado mes de xullo medidas de aforro, anticipándose á evolución da situación e co obxectivo de contribuír á preservación dos recursos hídricos.
Así entre as medidas que están activas dende o pasado mes de xullo está reducir o rego de xardíns, céspedes, hortas e zonas verdes con auga da rede; non encher nin repor auga en piscinas particulares, desmontables ou permanentes; non lavar vehículos en domicilios particulares; reducir baldeos de rúas, patios, terrazas, fachadas, muros, garaxes ou calquera outro espazo exterior con auga potable. Así como, reducir ao máximo o uso de fontes ornamentais ou elementos decorativos que consuman auga, salvo os que conten con circuíto pechado e pechar a billa cando non sexa necesario, acurtar o tempo das duchas e empregar electrodomésticos como a lavadora ou o lavalouzas sempre a carga completa.
Ademais, no Concello de Ferrol paralizouse a subministración de auga nas fontes públicas, reduciuse ao mínimo nivel posible a rega e os baldeos no municipio e exerceuse un control máximo sobre as posibles fugas existentes.
Así mesmo os alcaldes e alcaldesas abordaron a reparación de fugas na Ponte das Pías co financiamento dos concellos e a xestión ante outras administracións, e manterán unha xuntanza técnica con Augas de Galicia para o seguemento da prealerta.
Rey Varela incidiu en que, ante unha situación de seca como a actual, o aforro de auga é unha responsabilidade compartida. “As administracións temos que adoptar medidas, pero tamén é fundamental a colaboración da veciñanza. Cada litro de auga que aforramos conta e, entre todos, podemos contribuír a reducir o consumo e protexer un recurso esencial”, sinalou.
Por iso, unha vez máis dende a Mancomunidade trasládase á cidadanía a necesidade de seguir mantendo os hábitos de consumo responsable no día a día mentres prosiga esta situación.







