A ría de Ferrol acolle o sábado 11 e domingo 12 de xullo a XV edición da Regata de vela lixeira ría de Ferrol, proba oficial de carácter autonómico incluída no calendario deportivo da Real Federación Galega de Vela e organizada pola sección de vela lixeira da ACRD Grupo Bazán en colaboración co Concello de Ferrol.
Esta cita reunirá a deportistas de distintos clubes galegos e contribúe á dinamización e promoción da actividade deportiva da cidade durante o período estival.
A competición está destinada ás clases internacionais Optimist, ILCA 4, ILCA 6 e ILCA 6 Máster e desenvolverase na ría de Ferrol, tendo como base loxística as instalacións náutico-deportivas municipais de A Cabana, onde se ubicarán la Oficina de regatas, a zona de varada e a entrega de trofeos.
A organización estima unha participación de 50 embarcacións con regatistas dos seguintes clubes: Club Marítimo de Canido (Vigo), Real Club Náutico Rodeira de Cangas do Morrazo, Liceo Marítimo de Bouzas (Vigo), Real Club Náutico de Vigo, Club de Vela Fluvial de As Pontes, Club Náutico Ría de Ares e Sección de Vela Lixeira da ACRD Grupo Bazán. A presenza destes clubes converte esta proba nunha das citas de referencia da vela lixeira galega.
DESENVOLVEMENTO DA COMPETICIÓN
Están programadas ata seis probas para cada unha das clases participantes, distribuídas en tres mangas por xornada, navegándose en sistema de flota e con percorridos adaptados ás características das distintas clases participantes.
A organización contará cun completo dispositivo técnico e de seguridade, composto por comité de regatas, embarcacións de apoio e balizadores, entre outros, o que garantirá o correcto desenvolvemento da competición.














