O alcalde presentou este mércores a Liga Nacional de Graffiti, que terá lugar os días 10, 11 e 12 de xullo no campo municipal Baltasar Pujales, en Bouzas, dentro da programación de Vigo Cidade de Cor. O certame reunirá a dez artistas, que realizarán as súas creacións sobre o muro de peche do estadio, convertendo este espazo nun novo referente da arte urbana na cidade. “Imos facer que Bouzas se converta nunha gran sala de pintura ao aire libre, facendo de Bouzas e de Vigo unha gran cidade en cor”, afirmou Caballero.
Os artistas participantes serán Mariadie, Hide2, Nauni69, Klina, Konestilo, Badi Coloreando, Cien, Rey de la Ruina, Amek Uno e Cafre. A competición arrancará o venres 10 de xullo, de 9.00 a 20.00 horas, coa execución dos primeiros murais, continuará o sábado 11 no mesmo horario e concluirá o domingo 12 coa entrega de premios, prevista entre as 12.00 e as 12.30 horas. Ademais, o sábado celebrarase un obradoiro infantil de graffiti entre as 12.30 e as 14.00 horas.














