O Concello de Ares vén de incorporar para este verán unha nova proposta á súa programación lúdico-cultural, coa posta en marcha de ‘Ao Son do Mercado’, un ciclo de música de autor en formato acústico que converterá o Mercado Municipal nun espazo de encontro entre veciñanza arredor da creación musical contemporánea.
Esta novidade impúlsase, ademais, nun ano especialmente significativo para o edificio, que cumpre 100 anos de historia como punto de referencia da vida social, comercial e veciñal de Ares. Un século no que o Mercado foi moito máis que un espazo de venda de proximidade: tamén un lugar de convivencia, construción de relacións e símbolo da identidade colectiva da vila.
Agora, coincidindo co aniversario, estreará este ciclo que se desenvolverá ao longo de tres martes consecutivos do mes de xullo, sempre ás 20:30 h. A programación arrancará o día 7 coa actuación do artista aresán Luis Mera Lucky, continuará o 14 de xullo coa presenza do cantautor Txetxu Altube e concluirá o 21 de xullo co concerto de Oso.
A proposta busca reivindicar a música de autor como unha experiencia que convida a deterse, escoitar e conectar coas historias detrás das cancións. Por iso mesmo os concertos estarán concibidos dende a escoita activa e atención ás letras e melodías que compartirán os tres artistas co público.
Todos os espectáculos serán de balde, mais debido ás características do recinto e ao formato escollido, contarase con aforo limitado de pé e reserva previa obrigatoria vía telemática, a través da web institucional, www.concellodeares.gal, dende mañá, 23 de xuño, ás 10:00 h.
Non o dubides e #ViveAres!













