O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, asistiu hoxe á recepción institucional do primeiro buque portavehículos do fabricante chinés SAIC, o Anji Forever, no Porto Exterior de Ferrol.
Durante o acto, Julio Abalde destacou que “o proxecto de SAIC representa unha oportunidade histórica para avanzar na diversificación industrial da comarca e Ferrol, coa xeración de emprego, actividade económica e novas oportunidades para o tecido produtivo galego”. O subdelegado puxo en valor a colaboración entre as distintas Administracións como un elemento clave para facer realidade unha iniciativa desta envergadura.
Así mesmo, Abalde subliñou que este avance é froito da aposta decidida do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que leva tempo traballando de forma discreta e constante para facilitar a implantación deste proxecto estratéxico. “Un labor sostido que evidencia o compromiso do Goberno coa industria en Galicia e coa captación de investimentos que reforzan a competitividade e o futuro da comunidade”, remarcou.













