O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, reuniuse esta mañá na ludoteca da praza de España con representantes de Caixa Proinfancia e de diferentes entidades sociais que traballan na cidade departamental, entre elas Dignidade Galicia, que foi seleccionada por Caixa Proinfancia para executar o programa espazos familiares de 0-3 anos, que se desenvolverá na ludoteca municipal.
Deste xeito, Ferrol convértese na primeira cidade galega na que se pon en marcha este programa que fomenta a corresponsabilidade e a igualdade e que representa unha ampliación ao traballo que xa viña desenvolvendo Caixa Proinfancia na urbe naval, e co que se pon especial atención ás familias en situación de vulnerabilidade.
O alcalde informou que a ludoteca municipal estará operativa ao abeiro desta iniciativa do 1 de outubro de 2026 ao 30 de xuño de 2027 en horario de 09:00 a 14:00 horas de luns a venres. Haberá un máximo de 35 plazas dispoñibles para usuarios derivados dos servizos sociais, centros de saúde, entidades sociais ou centros educativos. “Coidar dos nenos e nenas desde os primeiros anos é ofrecerlles seguridade e oportunidades para o seu desenvolvemento”, manifestou, e neste sentido “este espazo converterase nun recurso socioeducativo sobresaínte dirixido a familias con nenos en situación de vulnerabilidade social”.
Rey Varela agradeceu a Caixaproinfancia o seu labor, así como o de Dignidade Galicia e o de todas as entidades que traballan en rede en favor dos nenos e nenas de Ferrol.







