O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reivindicou esta tarde o peso da moda na identidade e na economía galegas durante a súa participación no II Encontro Galicia Conversa. Organizado polo medio dixital enfoques.gal co título ‘Anatomía da moda galega’, o foro reuniu na Coruña representantes de firmas, empresas e profesionais de referencia do sector.
Regueira defendeu que falar da moda galega significa «falar moito máis alá de deseño e tendencias». «A moda galega», engadiu, «forma parte da nosa identidade e da nosa economía, xa que tratamos dun sector que non é só un asunto de pasarela: combina tradición e innovación, é industria, é cultura, xera emprego de calidade, proxecta talento e produtos galegos internacionalmente e é futuro».
O vicepresidente puxo tamén o foco nos retos que debe afrontar o sector para continuar medrando e afianzándose, «entre eles a sostibilidade, a dixitalización, a intelixencia artificial, a formación das novas xeracións e a consolidación das marcas galegas no mercado global».
Un sector con identidade propia
O Regueira salientou a existencia en Galicia «non só de grandes nomes de referencia internacional, senón tamén dun amplo tecido de empresas, deseñadores, artesáns e emprendedores que contribúen cada día a construír esa anatomía da que falamos hoxe».
Neste contexto, defendeu a importancia da colaboración entre institucións, universidade, empresariado e sociedade civil para garantir a fortaleza do sector. «Para que ese tecido siga vivo e forte é imprescindible que as institucións, a universidade, o empresariado e a sociedade civil camiñemos xuntos».
Radiografía da moda galega
O II Encontro Galicia Conversa tivo como obxectivo afondar no funcionamento interno da industria téxtil e do deseño galego, mostrando como se constrúen e xestionan as firmas e que hai detrás das marcas máis recoñecidas.
O programa incluíu unha entrevista coa fundadora de Boüret, Vanessa Datorre, e unha mesa de debate sobre Anatomía da moda galega coa participación de Lara Viñuales (Par & Escala), Montserrat Álvarez (Heimat Atlántica), Yolanda Estévez (Knitbrary), Marcelo Toural (Krack), Juan Juncal (Grupo KIMAK), Jorge González-Cebrián (The Campamento) e Javier Guerra (Cointega).
A xornada quixo analizar a industria por dentro, reivindicar a identidade galega e dar visibilidade aos procesos creativos que están detrás do éxito de marcas emerxentes e consolidadas.
Regueira agradeceu a enfoques.gal a organización do espazo de encontro e debate, así coma a participación dos diferentes profesionais e representantes institucionais. Convidou tamén as persoas asistentes «a coñecer e valorar o talento existente en Galicia e a saír do encontro cun pouco máis de orgullo polo que somos capaces de facer e cun pouco máis de determinación para seguir facéndoo mellor».







