O Concello de Vimianzo aposta pola continuidade do Foro de Liderado Feminino no rural, “Alza Voz de Muller”, un encontro de referencia para mulleres profesionais e emprendedoras do rural, que celebrará a súa segunda edición os vindeiros 8 e 9 de maio en Vimianzo.
Tras o éxito da primeira edición, que reuniu a máis de 100 mulleres da Costa da Morte e doutros puntos de Galicia, o evento consolídase como un espazo de reflexión, aprendizaxe e conexión arredor dos retos que afrontan as mulleres no ámbito laboral e emprendedor, sempre desde unha perspectiva de xénero.
“Alza Voz de Muller” nace coa vontade de visibilizar o talento feminino no rural, xerar referentes e tecer redes de apoio e colaboración entre mulleres, abordando cuestións clave como o liderado, o acceso a oportunidades, a independencia económica ou os condicionantes estruturais que seguen a impactar nas traxectorias profesionais das mulleres.
O programa incluirá relatorios, mesas de diálogo e espazos de networking, coa participación de mulleres referentes en distintos ámbitos, configurando un espazo de inspiración, aprendizaxe e acción colectiva.
A presentación oficicial de Alza Voz de Muller, terá lugar o venres 10 de abril na Casa da Cultura do Concello de Vimianzo.
Este proxecto está cofinanciado pola Deputación da Coruña.
As inscricións para participar no evento xa están abertas a través da páxina web oficial: www.alzavozdemuller.com












