A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ven de celebrar o III Encontro de alcaldesas e concelleiras sobre o labor das mulleres como xestoras públicas e emprendedoras, incorporando a perspectiva europea.
O encontro celebrouse baixo o lema “As mulleres, xestoras do cambio. O papel de Europa” no marco das iniciativas que FEGAMP vai desenvolver para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
Este ano a conmemoración da FEGAMP pon o foco nas mulleres como xestoras transformadoras dos seus pobos, cidades, e institucións, como xa se adiantou no seu manifesto. E seguindo esta liña, nos contidos do encontro profundouse sobre a perspectiva europea vencellada coa promoción da xestión pública e do emprendemento.
E faino salientando o labor esencial que desenvolven alcaldesas, concelleiras e outras responsables institucionais e técnicas para garantir a continuidade, a estabilidade institucional e a mellor atención, mesmo en situacións complexas como recentemente aconteceu coa pandemia do Covid, e tamén para facer fronte a un dos maiores desafíos do municipalismo como foi a xestión dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, coñecidos como Next Generation EU.
E dende o municipalismo galego, representado pola FEGAMP, tamén se evoca a Maruja Gómez, a primeira muller alcaldesa elixida democráticamente en Galicia no ano 1936 na Cañiza, a quen vai adicar un acto conmemorativo o vindeiro 13 de marzo en colaboración co Concello da Cañiza. Nesa conmemoración tamén se evoca ás seis alcaldesas galegas elixidas en 1979 nos concellos de Cualedro, Petín, Ramirás, Verín, Sandiás e San Cibrao das Viñas, e a todas as mulleres que foron e van asumindo as alcaldías nos concellos galegos.
Por iso, a FEGAMP reivindica o compromiso do municipalismo galego para seguir visibilizando ás mulleres como xestoras do público, exercendo o poder e eliminando barreiras que aínda dificultan a seu acceso a postos de responsabilidade, e promovemos o recoñecemento das mulleres non só como protagonistas da igualdade, senón como xestoras do cambio, responsables directas de construír, dende o ámbito local, un mellor futuro. O obxectivo é acadar acadar a paridade nas corporacións e nas alcaldías galegas nas próximas eleccións en 2027.
Para este encontro contouse con intervencións e aportacións institucionais tan importantes como a directora xeral do Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade, Cristina Hernández, e a directora de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana, que participaron nas intervencións de apertura do encontro. O presidente da FEGAMP acompañou ás directoras xerais, pero tivo que ausentarse antes de intervir, sendo sustituído pola secretaria xeral, Patricia Vilán.
De seguido abordouse o “Impacto das políticas de igualdade europeas nos concellos galegos” coa proxección das intervencións de Dolors Montserrat, Iratxe García e Ana Miranda, eurodeputadas do PP, PSOE e BNG, respectivamente.
Proseguiuse cun conversatorio con Eva López, científica e directora de Woman Emprende e impulsora de Innovatia 8.3, sobre os “Máis de 25 anos de impulso do emprendemento feminino en Galicia co apoio do Fondo Social Europeo”.
As “Novas políticas de igualdade para a transformación das entidades locais” tamén tiveron o seu espazo cunha mesa na que interviñeron Margot Lamela, María González e Ana Patricia Torres, alcaldesas de Cee, A Rúa e Boborás, respectivamente.
O encontro rematou coa intervención final de María Barral, alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta executiva da FEGAMP.












