A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou en Santiago que o BNG rexistrará neste mesmo mes de abril no Parlamento unha proposición de lei para «blindar a función social da vivenda» e para «evitar que o parque de vivenda se converta nun parque hoteleiro».
Así o avanzou na apertura da xornada ‘A vivenda en Galiza. Retos e solucións’ organizada polo BNG para analizar as propostas e alternativas a desenvolver neste ámbito de actuación e no que participaron especialistas na materia como a directora xeral de Vivenda de Nafarroa, Elga Molina, os profesores da USC, Andrés Quintiá e María José Piñeira, ou a avogada e asesora de Agrelar Consultora, Mariola Pazos.
Pontón explicou que entre as medidas que contempla a súa proposta lexislativa, o Bloque inclúe o establecemento dun tope ao número de Vivendas de Uso Turístico (VUT) que pode haber en Galiza, un límite que ademais ten que ter en conta o impacto por zonas.
De igual xeito, apostará por blindar a exixencia de licenza previa para as VUT, unha licenza que tería unha duración de cinco anos prorrogábeis, medida que Pontón tamén considerou importante, dado que a Xunta ten no seu rexistro «moitísimas vivendas ilegais que non cumpren coa normativa». «Cremos que hai que acabar con ese coadoiro e que esas vivendas de uso turístico teñan que cumprir a lei para poder saír ao mercado», afondou.
A proposición non de lei nacionalista inclúe tamén a elaboración dun mapa que examine como está a distribucións das VUT no País, unha análise de quen é a persoa física ou xurídica propietaria destas vivendas e a xestión que se fai das mesmas e do impacto que están tendo as concentracións de VUT no dereito a unha vivenda habitual.
«Trátase de que o Goberno utilice a capacidade lexislativa que ten para garantir o dereito a unha vivenda, neste caso regulando as Vivendas de Uso Turístico, que sabemos que é unha cuestión que, neste momento, está incidindo en moitas áreas á hora de reducir o número de vivendas que hai destinadas ao alugueiro», argumentou para defender a necesidade de «impulsar medidas lexislativas valentes e de calado» que protexan o dereito á vivenda.
Neste sentido, a líder nacionalista defendeu de igual xeito blindar por lei que a Xunta teña que establecer zonas onde se regulen os prezos do alugueiro, de maneira que teña capacidade para conter os incrementos tan importantes que se están producindo neste momento.
Pontón avogou por garantir por lei a protección permanente de toda a vivenda protexida (VP), xa que hai VP que non se está facendo en solo público, pero que recibe recursos públicos e que, advertiu, en 15 anos pode estar vendéndose a prezos imposibles no mercado libre. «Esta vivenda tamén ten que ter protección permanente, toda a vivenda protexida ten que ter protección permanente», incidiu.
Por último, avanzou tamén o impulso dun paquete de cambios normativos para promover as cooperativas de vivenda en cesión de uso e o dereito de superficie.
Ademais do ámbito lexislativo, a segunda cuestión sobre a que a organización nacionalista considera preciso incidir é na mobilización de vivenda baleira en réxime de alugueiro a través da combinación de distintos instrumentos que incentiven que unha parte desas vivendas, especialmente nas zonas de maior demanda, poida saír ao mercado a prezos accesibles.
Mobilización de vivenda baleira que tería un impacto moi importante, alegou, tendo en conta ademais que Galiza é a segunda comunidade de todo o Estado que máis vivenda baleira ten e que só nas grandes cidades hai 90.000 nesta situación.
A terceira e última liña de actuación apuntada polo Bloque ten por obxectivo multiplicar o parque de vivenda pública mediante a construción de vivenda nova, pero tamén mediante a compra e rehabilitación dunha parte da que xa está construída, a comezar por comprar toda a vivenda protexida que se poña á venda.
Nesta liña, a portavoz nacional recordou que nos últimos anos se venderon no País 7.000 vivendas protexidas sen que «a Xunta comprara a primeira» -a pesar de que tiña a posibilidade de compra preferente- e indicou que nos próximos cinco anos caducará a cualificación permanente de vivenda protexida para outras 14.000. «Nós o que reclamamos é que a Xunta compre todas esas vivendas para destinalas a alugueiro a prezos que a xente deste País poida pagar», resumiu.
E, en segundo lugar, reiterou a necesidade de poñer en marcha un programa de compara de vivenda xa construída para destinala a alugueiro social e asequible, para o que podería utilizar ademais os fondos extraordinarios habilitados precisamente para esta fin. «Estamos falando de que se poidan comprar nos próximos cinco anos 4.000 vivendas, hai fondos extraordinarios para facelo e o único que falta é a vontade da Xunta para que esta sexa unha prioridade», incidiu.
Pontón defendeu as propostas do BNG ante un Goberno do PP incapaz de ofrecer resposta ao problema da vivenda que, remarcou, «se está convertendo nun factor de exclusión social e de xeración de desigualdade», froito entre outras cuestións, dun modelo neoliberal que converteu a vivenda nun obxecto de especulación que xera beneficios millonarios para uns poucos, tal e como demostra o feito de que o 43% das vivendas mercadas neste 2026 até o mes de marzo, foron adquiridas pagando ao contado.
Neste sentido, recordou que o prezo do alugueiro supera en Galiza o salario de máis de 100.000 persoas, con prezos absolutamente disparados en cidades como Vigo ou A Coruña, pero tamén en moitas vilas medias do País, o que fai imposible a emancipación da mocidade ou a obriga a continuar na casa dos seus pais ou a ter que recorrer a un piso compartido.
«Levamos 17 anos dun Goberno do Partido Popular que demoleu a política social de vivenda, que actuou para que esa especulación fora cada vez maior e que deixou na estacada a miles de persoas que hoxe sofren de maneira grave as consecuencias deste abandono», recalcou, para criticar a continuación as promesas e anuncios dun Executivo de Rueda que nos últimos dous anos só construíu 171 vivendas protexidas -incluíndo as de promoción pública e privada- pero que continúa o mantra de que vai ter construídas 20.000 para 2028.
De igual xeito, recordou que, pese a toda a súa propaganda, os populares deixaron de investir nos últimos cinco anos 490 millóns de euros que tiñan presupostados para políticas de vivenda.
Ademais de non facer a vivenda necesaria e deixa sen executar os recursos que presuposta, a líder nacionalista tamén criticou ao Executivo incremente o prezo da vivenda protexida en máis dun 30% nos últimos anos, o que, advertiu, «dificulta cada vez máis o acceso á vivenda ás rendas máis baixas e, polo tanto, está desvirtuando o propio sentido que ten a política de vivenda pública».
«A estas alturas, sabemos que o Partido Popular non é parte da solución porque é parte do problema e as súas políticas son responsables de situarnos na situación actual», incidiu, contrapoñendo a mirada ampla do BNG sobre os retos e alternativas que precisa o País neste ámbito de actuación. «Somos conscientes de que estamos ante unha materia complexa onde non hai solucións máxicas, pero si hai solucións, e o que se require é votade política para levalas a cabo e acertar no deseño das políticas públicas que se adapten á realidade do noso País», concluír para defender as propostas nacionalistas para facilitar aos galegos e ás galegas o acceso a unha vivenda digna a un prezo que poidan pagar.













