O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reivindicou esta mañá en Padrón as obras de emerxencia que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible executa nas estradas galegas das catro provincias para reparar os danos provocados polos temporais do inverno, realizadas dentro do Plan Especial de Estradas en Galicia, dotado con 167 millóns de euros e que deixa en Padrón 500.000 € para a mellora do seu tramo da N-550 e da N-550a. Estivo acompañado polo alcalde de Padrón, Anxo Arca; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e o xefe da Demarcación de Estradas do Estado na provincia da Coruña, Francisco Prego.
Pedro Blanco sinalou que estes traballos constan de 300.000 euros para a reparación máis urxente e 200.000 para actuacións puntuais e de mantemento. As obras que se están a executar nas distintas vías consisten fundamentalmente no fresado e reposición do firme nos tramos máis deteriorados, con espesores variables segundo o estado de cada unha delas, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade.
O delegado subliñou que este Plan Especial mobiliza 38 M€ extraordinarios que, sumados ao investimento ordinario, permiten alcanzar en 2026 a cifra récord de 167 millóns de euros destinados á conservación das estradas do Estado en Galicia, o maior investimento anual da historia recente. Neste sentido, lembrou que o Goberno de España leva investidos 737 millóns de euros desde 2018 na modernización e seguridade da rede estatal en Galicia, e reafirmou o compromiso de seguir actuando alí onde sexa necesario, con grandes e pequenas intervencións, para garantir estradas seguras e en boas condicións en todo o territorio.
O Plan Especial
O Plan Especial permitirá actuar en preto de 2.000 puntos da rede estatal en Galicia, con traballos de asfaltado en 262 quilómetros de vías, a intervención sobre 1,2 millóns de metros cadrados de superficie e a extensión de máis de 260.000 toneladas de asfalto, mediante un amplo despregue de medios que inclúe arredor de 200 operarios, 75 máquinas e 60 camións. Só na provincia da Coruña este Plan ten un investimento de 6 M€, con actuacións na A-6, A-54, AC-14, AC-10 e nas N-634, N-547 e FE-13, ademais da devandita N-550.
Pedro Blanco incidiu en que este esforzo inversor reforza a cohesión territorial e a actividade económica, ao tempo que garante unhas infraestruturas viarias modernas, seguras e adaptadas ás necesidades de Galicia.
Melloras na travesía da N-550 por Padrón
En paralelo a estas melloras, o Ministerio de Transportes investirá 3 M€ para transformar a travesía da N-550 en Padrón nunha zona máis segura e adaptada a novas formas de mobilidade, cumprindo cunha demanda histórica do Concello e da veciñanza.
Pedro Blanco subliñou que esta actuación creará unha vía segura e accesible, con espazo para os peóns, carril bici, zonas verdes e mobiliario urbano, que se estenderá ao longo de case un quilómetro entre o centro urbano e o límite coa provincia de Pontevedra.













