O Partido Popular de Galicia conmemora os dous anos desde a vitoria electoral de Alfonso Rueda, a súa primeira maioría absoluta, facendo balance das súas políticas “centradas nos problemas e preocupacións dos galegos, como é a vivenda”.
Así o manifestou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, durante unha visita a uns terreos en Pontevedra nos que se construirán 53 inmobles promovidos pola Xunta de Galicia, onde estivo acompañada polo presidente local do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira e senadora Pepa Pardo.
A número dous dos populares galegos destacou que un dos principais compromisos do Goberno de Rueda é solucionar a preocupación da vivenda. “Na campaña electoral dixemos que nesta lexislatura iamos duplicar o número de vivendas públicas, pasando de 4.000 a 8.000, e a gran maioría xa están en marcha”, destacou. Ademais, lembrou que o Goberno galego xa foi máis alá dese anuncio e adiantou que a cifra medrará ata as 10.000 vivendas públicas en 2030.
“No PP resolvemos os problemas da xente: en vivenda, en sanidade… Sempre conectados co territorio e coas demandas dos galegos. Por iso cando preguntamos nas urnas a xente vota ao PP”, sinalou.
En contraste co modelo de Rueda, mencionou a xestión de Sánchez centrada en “vender fume”, ofrecendo “datos novos de vivenda que despois non se constrúe” e cunha Lei estatal de vivenda que “só favorece a ‘okupación’, porque non protexe aos propietarios”. Para Prado, esta normativa repercute negativamente na dispoñibilidade de vivenda, porque os propietarios “non teñen garantías” para acceder ao parque público con seguridade.
Reiterou que Sánchez e os seus socios independentistas mantéñense nun goberno “instalado na deriva, na corrupción e sen preocuparse dos problemas da xente”.
IMPULSO NECESARIO PARA OS PONTEVEDRESES
Durante o percorrido polos terreos nos que se construirá vivenda pública, Rafa Domínguez sacou músculo das iniciativas da xestión de Rueda nesta materia, e apuntou que, no caso concreto da superficie de hoxe, a inversión ascenderá a 10 millóns de euros.
Domínguez fixo balance do conxunto de vivenda pública na cidade de Pontevedra, con 74 vivendas en construción, 56 adxudicadas, 48 licitadas e 122 en proxecto. “Hai un impulso absolutamente necesario para intentar paliar un dos principais problemas de mozos e non tan mozos”, destacou.
“Alfonso Rueda vai na dirección correcta cando intenta resolver o que creo que é o primeiro problema de todos os galegos”, engadiu Domínguez.
Así mesmo, Paula Prado aproveitou a visita a Pontevedra para poñer en valor o traballo do presidente do PP de Pontevedra, ao que augura “converterse no próximo alcalde da cidade, despois de 30 anos de independentismo galego cun proxecto esgotado”.
Así, lembrou que este independentismo galego “aínda non condenou” os actos vandálicos que sofren as sedes dos populares en toda Galicia, feitos “violentos e afastados do sentir dos galegos, que prefiren o sentidiño e a tranquilidade”.
XUNTA DIRECTIVA AUTONÓMICA
A secretaria xeral do PPdeG tamén anunciou que este domingo se celebrará en Santiago unha Xunta Directiva Autonómica para facer balance dos dous anos desde as últimas eleccións autonómicas e dos proxectos levados a cabo neste tempo.












