O PSdeG de Ribeira levará ao pleno municipal do vindeiro luns 28 de marzo dúas preguntas sobre dous asuntos que, sinalan, “poden ter consecuencias moi graves para o municipio”.
A primeira refírese ao caso da gasolineira low cost de Xarás e ao posible custo económico que pode acabar recaendo sobre as arcas municipais. A segunda céntrase no risco de comprometer a xustificación dos 2 millóns de euros do Plan de Sostibilidade Turística por incumprir as obrigas de visibilidade da financiación europea.
No caso da gasolineira, os socialistas poñen o foco en “canto lle pode custar isto a Ribeira”. Despois de que o Concello autorizase a instalación dúas veces e de que os tribunais anulasen tamén dúas veces esas licenzas, o PSdeG pregunta se “o Goberno local ten feita unha estimación económica seria, actualizada e completa da posible indemnización, cal sería a contía e como pensa afrontala”.
Para o Grupo Municipal Socialista “o problema xa non é só xurídico, é tamén económico e social, porque esa posible factura pode ser millonaria e acabar condicionando investimentos importantes para Ribeira coma o futuro polígono industrial ou a EDIL de Bandourrio”.
Desde o grupo socialista entenden que “a veciñanza ten dereito a saber se a mala xestión do PP vai rematar custándolle cartos a todo o municipio”. “O que preguntamos é moi claro: canto pode pagar Ribeira por este desastre e de onde vai saír ese diñeiro, porque ao final, cando un goberno actúa tan mal, quen acaba pagando é toda a cidadanía”, sinalou o portavoz socialista. Francisco Suárez-Puerta.
A segunda pregunta refírese ao PSTD e ao lavadoiro da Penisqueira. O PSdeG denuncia que “no cartel da inauguración, na web municipal e nas publicacións difundidas arredor desta actuación non aparece de forma visible a identificación da financiación europea, malia que esa obriga figura expresamente na documentación asinada pola propia alcaldesa”.
Para o PSOE local, non se trata dun “detalle menor nin estético, senón un incumprimento que pode comprometer a xustificación dos fondos e, no peor dos casos, abrir a porta á súa devolución”.
O PSdeG considera “especialmente grave que o Goberno local estea presentando como propias actuacións que están financiadas con fondos europeos, ocultando a súa verdadeira financiación e asumindo un risco innecesario con recursos que son fundamentais para Ribeira”.
Por estas razóns, a agrupación socialista levará ao pleno unha pregunta directa para que o executivo explique que medidas inmediatas vai adoptar para rectificar e evitar poñer en perigo eses 2 millóns de euros.
Suárez-Puerta advertiu finalmente que “o PP está xogando con millóns de euros que son de toda a veciñanza de Ribeira como se non lles importasen nada”.
“Xogaron co custo millonario da gasolineira e está xogando tamén con millóns de euros de fondos europeos, e cando se actúa con esta irresponsabilidade, o que se pon en risco é o presente e o futuro de Ribeira”, conclúe.













