A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, esixe «responsabilidades políticas, implacables e sen condicionamentos» a PSOE e BNG tras coñecerse que a Fiscalía de Lugo se querela contra José Tomé por presunto acoso sexual. Do mesmo xeito, os populares reclaman a «dimisión inmediata» de Tomé, tanto da Alcaldía de Monforte coma da súa acta de deputado provincial.
Así o manifestou a número dous dos populares galegos nunha xuntanza con deputadas econcelleiras da comarca, onde estivo acompañada pola portavoz do PP en Monforte e deputada autonómica, Katy Varela, e o portavoz popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide. Neste encontro, Prado sinalou ao PP como «a alternativa para desokupar ao señor Tomé dos seus cargos» tralo Pacto Guarro asinado por socialistas e independentistas, que, lembrou, «están cogobernando grazas ao apoio dun presunto acosador sexual, polo poder e polo sillón, xa que ao BNG lle bastaron 500.000 euros para calar».
Para Prado, o PSOE «consente, oculta e tenta tapar»; mentres o BNG «cala», dúas actitudes que para o PPdeG «van en contra da dignidade das mulleres», preguntándose tamén «onde están as feministas da esquerda», que ante estes feitos de gravidade «permanecen caladas». «Esixímoslle a Besteiro e Pontón que deixen de ser cómplices neste asunto de gravidade», engadiu.
Cualificou ao PSOE como «un estercoleiro moral cheo de corruptos, puteros e acosadores sexuais» e lembrou que a situación de Tomé comezou cunha denuncia anónima no canal interno do PSOE, un mecanismo que para Prado «non serve para nada e segue sen facelo, só para tapar casos e vulnerar os dereitos das mulleres», xa que os socialistas anunciaron que a denuncia desaparecerá do canal interno coa «escusa» de que xa está na Fiscalía o asunto.
Pola súa banda, a portavoz do PP en Monforte insistiu en que José Tomé «non pode seguir nin un minuto máis no Concello, e menos actuando coa normalidade coa que actúa a tan só uns días do 8M». Deste xeito, anunciou que os populares non acompañarán ao equipo de goberno municipal na conmemoración do Día da Muller, trala confirmación de Tomé de que acudirá. «Seremos moi firmes, é unha vergoña que o sigan apoiando», sinalou.
Ademais, as populares lembraron que trala dimisión da concelleira de Igualdade asumirá a súa acta de edil o propio fillo de Tomé, tachando a situación de «escabrosa» neste Concello.












