O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, analizou hoxe os últimos datos oficiais publicados polo Ministerio do Interior e pechados a decembro de 2025, que sitúan a Galicia, por primeira vez na historia, como a segunda comunidade máis segura de España, acadando a súa mellor posición desde que existen estatísticas oficiais. Así, Galicia rematou o ano pasado cunha taxa de criminalidade de 35,4 infraccións penais por cada 1.000 habitantes. Esta cifra sitúase máis de 15 puntos por debaixo da media nacional consolidando á Comunidade como o segundo territorio máis seguros de España. Pedro Blanco insistiu en que “Galicia é hoxe unha das comunidades máis seguras nun dos países máis seguros do mundo e iso é sinónimo de máis tranquilidade, máis confianza e mellor calidade de vida para os galegos e galegas”.
No conxunto do ano 2025 rexistráronse en Galicia 96.066 infraccións penais, o que supón un incremento do 0,9% con respecto a 2024. Non obstante, en termos comparativos, Galicia mantén unha evolución moi favorable. Excluíndo a cibercriminalidade, Galicia reduce a criminalidade convencional nun 2%, con 1.396 delitos menos que no ano 2024 e nun 10,6% con respecto ao ano 2018. Ademais, desde ese ano reducíronse en máis da metade os roubos con violencia ou forza en domicilios e establecementos comerciais.
En relación coa cibercriminalidade, o balance confirma que segue a medrar e representa xa preto do 27% do total das infraccións penais coñecidas. En 2025 rexistráronse 25.892 ciberdelitos, un 9,3% máis que no ano anterior, destacando especialmente as estafas informáticas, que aumentaron un 10,3%. O delegado do Goberno fixo un chamamento á prudencia e á concienciación cidadá fronte a este tipo de delitos, “que non entenden de fronteiras e que requiren prevención, formación e colaboración”.
Por outra banda, Galicia acada unha taxa histórica de eficacia policial. O 44,5% das infraccións penais coñecidas foron esclarecidas en 2025, a mellor cifra da última década e dous puntos por enriba da rexistrada hai apenas dous anos. Pedro Blanco felicitou aos homes e mulleres da Policía Nacional e da Garda Civil “pola súa profesionalidade, entrega e proximidade á cidadanía, que fan posible que Galicia siga avanzando en seguridade”.
Ademais, puxo en valor que Galicia conta hoxe, grazas ao compromiso do Goberno de Pedro Sánchez, co maior número de efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da súa historia. En 2025 estiveron operativos 8.895 axentes da Policía Nacional e da Garda Civil na Comunidade, 596 máis que en 2018, o que supón un incremento do 7,2%. “Nunca antes Galicia tivo tantos efectivos ao servizo da seguridade pública”, indicou, afirmando que “este reforzo de medios humanos é fundamental para explicar os bos datos de eficacia policial e a consolidación de Galicia como a segunda das comunidades máis seguras de España por vez primeira”.
O delegado incidiu en que “a seguridade é un activo estratéxico para Galicia, unha garantía de tranquilidade para as familias, de estabilidade para as empresas e de oportunidades para o noso presente e o noso futuro”. Deste xeito destacou que “os datos deste balance reflicten unha Galicia moi segura, estable e con confianza no futuro, unha condición imprescindible para xerar oportunidades e garantir benestar á cidadanía”.











