Un accidente múltiple rexistrado na noite deste martes na AP-9, ao seu paso pola parroquia viguesa de Cabral, saldouse con seis persoas feridas. O sinistro, no que se viron implicados cinco vehículos, tivo lugar arredor das 22:20 horas no quilómetro 159.
Segundo informou o 112 Galicia, a cadea de colisións iniciouse cando un vehículo parou na vía. Ao baixar do coche, a condutora foi atropelada por outro turismo que circulaba nese punto. A partir de aí, producíronse varios impactos: o segundo coche chocou contra o primeiro, un terceiro impactou contra a medianeira e outros dous bateron entre si tras unha freada brusca.
Un dos feridos foi evacuado en estado grave. No operativo de emerxencia participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Vigo, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e o servizo de mantemento da autoestrada.
Accidente na Fonsagrada
Un home tivo que ser asistido tras saírse da vía e caer co seu coche por un barranco con varios metros de desnivel en Pacios, A Fonsagrada.
Un particular que circulaba polo lugar, que se corresponde co quilómetro 5 da LU-P-1906, explicou ao 112 Galicia que atopara ao home, quen conseguira saír á estrada para pedir axuda. Segundo informou, en principio indicaba que se atopaba en bo estado. Ocorreu minutos despois das 8 horas.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a colaboración de Urxencias sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.













