Uns minutos antes das once da noite de onte, o Centro de Seguridade de ADIF (Renfe) avisou ao 112 Galicia de tres trens con distintos destinos e procedencias parados debido a unha persoa que ocupaba un espazo non autorizado da vía en Vilagarcía de Arousa. Así, por razóns de seguridade, o persoal de ADIF procedeu ao corte inmediato de subministro de enerxía e, consecuentemente, á interrupción do tráfico ferroviario.
En todos os trens había pasaxeiros que, en algúns casos, permaneceron no interior dos convois e, noutros, facilitaron a súa saída á estación próxima mentres se resolvía a situación.
Ningunha persoa necesitou asistencia médica dentro dos vagóns, agás un menor con síntomas de fatiga cuxa familia solicitou asistencia a través dunha chamada ao 112 Galicia ás 2:30 horas da madrugada. Posteriormente, foi atendido por un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Paralelamente, os axentes da Policía Nacional adoptaron as medidas necesarias para unha evacuación segura da persoa que se atopaba na zona non autorizada e, finalmente, mediante unha acción coordinada cos psicólogos do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do Colexio Profesional de Galicia e os axentes lograron que a persoa abandonase o lugar e recibise asistencia.
Deste xeito, comezou a realizarse o transbordo dos pasaxeiros afectados, que se completou arredor das tres desta madrugada.
Ademais de sanitarios, axentes de Policía Nacional e psicólogos, o 112 Galicia pediu a colaboración dos axentes da Policía Local de Vilagarcía e do Servizo Municipal de Emerxencias.












