O 112 Galicia recibiu o aviso do persoal da empresa arredor da unha da madrugada, despois de que saltase a alarma de incendios. As instalacións, pertencentes a unha firma tecnolóxica dedicada a pantallas e paneis situada no polígono Espírito Santo (Sada), sufriron cuantiosos danos materiais.
De inmediato, mobilizouse un amplo dispositivo que incluíu aos Bombeiros de Betanzos, Arteixo e A Coruña, o Servizo Municipal de Emerxencias de Oleiros e Protección Civil de Sada e Betanzos. Tamén se informou á Garda Civil e a Urxencias Sanitarias-061, este último organismo con carácter preventivo.
Malia que non houbo feridos, a magnitude do lume provocou o colapso de parte do teito da nave e obrigou a desaloxar un motel próximo. O incendio deuse por controlado pasadas as dúas da mañá, aínda que os servizos de emerxencia permanecen na zona para completar a extinción e refrixerar a estrutura.













