O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asistiu esta tarde no teatro Jofre á lectura do pregón dunha Semana Santa 2026 cunha profundidade emocional que “non se pode explicar e só se pode vivir”, tal e como declarou o rexedor. O pregoeiro deste ano foi o xornalista radiofónico Isidoro Valerio.
O acto, contou coa presenza do bispo da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, do presidente da Junta General de Cofradías y Hermandades de la Semana Santa, Fernando Iguacel, entre outras autoridades civís e militares.
O rexedor destacou que Isidoro Valerio “leva a Semana Santa no seu corazón desde ben pequeño, cando se vestiu de capuchón coa Confraría da Soidade”. Desde entón, o seu amor por esta tradición medrou ao tempo que desenvolveu a súa carreira profesional. “Grazas, Isidoro, por difundir, sempre que tiveches ocasión, a grandeza da nosa Semana Santa a través das ondas radiofónicas”, manifestou Rey Varela.
No acto de lectura do pregón tamén se procedeu á entrega das Medallas de Ouro da Junta General de Cofradías y Hermandades, que foron outorgadas a César Carreño e José Manuel Evia, ex presidente da Junta e ex presidente da Confraría da Soidade respectivamente. O rexedor trasladoulles o agradecemento da cidade polo seu impulso a este acontecemento relixioso.
O alcalde da cidade lembrou que esta celebración de fe transcende máis aló da dimensión espiritual, sendo esta “profunda manifestación da nosa identidade como pobo”. “É o reflexo -continuou- de xeracións que souberon manter vivo un legado de fe e e cultura durante máis de catro séculos”, e que alcanzou a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
Á implicación de toda a cidadanía coa Semana Santa, súmase a visita de milleiros de persoas que visitan Ferrol atraídos pola extraordinaria riqueza material e inmaterial desta manifestación de fe e “quen ven por primeira vez, ten que saber que vai repetir”, declarou Rey Varela.
O rexedor puxo en valor a capacidade da Semana Santa de unir tradición e renovación e destacou unha novidade deste ano: algunhas das procesións contarán con tramos silenciosos en atención ás persoas con trastorno do espectro autista. “A Semana Santa é de todos e para todos e ninguén pode quedar atrás á hora de vivila”, asegurou o alcalde.
O traballo conxunto foi outro dos elementos que destacou Rey Varela, agradecendo ás confrarías, irmáns maiores, cofrades, portadores, vestidores, floristas, camareiras e todas as persoas implicadas neste acontecemento o seu labor. “Somos un referente internacional grazas a todos eles”, valorou.
Para finalizar, compartiu o seu desexo de vivir “unha Semana Santa 2026 en grande, que sexa o reflexo do crecemento que está a vivir Ferrol” invitando a todos os ferroláns, ferrolás e visitantes a participar activamente na extensa programación de procesións que se desenvolverá entre o 29 de marzo e o 5 de abril.












