O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o compromiso do Goberno coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero, reflectido na aprobación no Consello de Ministros e Ministras de onte da distribución de 160 millóns de euros para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, renovado en 2025. O reparto das contías concretarase na próxima Conferencia Sectorial de Igualdade, prevista para o próximo 15 de abril. Desde o ano 2018 o Goberno entregou aos concellos galegos 13 millóns de euros para apuntalar as competencias que teñen asignadas en materia de violencia de xénero.
Pedro Blanco subliñou que este investimento reforza as políticas públicas de prevención, protección e atención ás vítimas, nun momento no que resulta fundamental consolidar os avances acadados e seguir impulsando medidas que garantan os dereitos das mulleres.
Neste contexto, o delegado puxo tamén en valor o proxecto aprobado polo Goberno para reformar a Constitución e blindar o dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo, incorporando este dereito no artigo 43. Unha iniciativa que, segundo indicou, supón un paso máis na garantía dos dereitos sexuais e reprodutivos e na consolidación da igualdade real e efectiva.
Nova responsable de Vioxén en Lugo
Pedro Blanco celebrou estes avances no marco dunha reunión de coordinación coa xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno, María Debén, e coas responsables das Unidades de Violencia sobre a Muller das catro Subdelegacións do Goberno. No encontro deulle a benvida á nova responsable da Unidade de Violencia sobre a Muller na Subdelegación do Goberno en Lugo, Rosa María Rivas Santiso, que acaba de incorporarse a un cargo que comparte nas outras provincias con Manuela Vilaboy (A Coruña), Alida Iglesias (Ourense) e María José Rodríguez (Pontevedra). Durante o encontro, o delegado trasladou o seu recoñecemento ao labor que desenvolven na atención ás vítimas, na formación e na sensibilización social.
Pedro Blanco destacou o papel fundamental destas unidades na coordinación entre administracións, forzas de seguridade e sistema xudicial, así como o seu traballo a nivel local en colaboración cos concellos e cos Centros de Atención á Muller.
O delegado reivindicou que o Goberno de Pedro Sánchez seguirá reforzando as políticas de igualdade e de loita contra a violencia machista, “cun apoio constante que tamén se reflicte en Galicia, fronte a quen cuestiona estes avances”.













