Un accidente de tráfico entre dous vehículos rexistrado a primeira hora desta mañá no quilómetro 514 da autovía A-8, á altura da parroquia da Devesa (Ribadeo), saldouse con tres persoas feridas, das cales dúas tiveron que ser excarceradas polos servizos de emerxencia.
A incidencia tivo constancia inicial ás 05:35 horas a través do sistema automático eCall dun dos turismos implicados. Malia que o xestor do 112 Galicia non lograba establecer comunicación directa coas persoas do interior, a escoita activa permitiu confirmar a necesidade de asistencia inmediata. Pouco despois, un dos propios implicados contactou co centro de emerxencias para informar de que se atopaba atrapado no habitáculo debido aos danos sufridos polo vehículo.
De xeito inmediato, o 112 Galicia informou aos Bombeiros de Barreiros, ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil de Ribadeo.
Unha vez no lugar do accidente, os servizos de emerxencias procederon ás tarefas de excarceración para liberar a dous dos ocupantes, un de cada vehículo, que non podían abandonar o habitáculo polos seus propios medios.
En canto ao balance de danos persoais, segundo a información facilitada polo persoal sanitario ao finalizar a intervención, un total de tres persoas requiriron asistencia médica como consecuencia do impacto.













