A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, reclama novamente ao Goberno do Estado aprobar de maneira urxente a exención de cotas á Seguranza Social das mariscadoras galegas, mantendo ese tempo como cotizado para que non perdan anos de cotización, e demanda coñecer «cando e como» se aprobará esta medida en favor dun sector tan importante para a Galiza.
Após un novo adiamento dos prazos para a tramitación do proxecto de lei que, en teoría, incorporará a exención das cotas, o BNG vén de rexistrar novas iniciativas para exercer presión sobre o Goberno co obxectivo de que se aproben de maneira urxente.
Carme da Silva Méndez lembra que a Ministra de Inclusión, Seguranza Social e Migración, en resposta a unha pregunta oral formulada polo BNG no Senado declaraba a vontade «coñecida e favorábel» do Goberno a exonerar as cotas ás traballadoras afectadas durante o tempo en que permaneza suspendida a actividade. Con todo, a Ministra remitiuse á tramitación dun proxecto de lei, que continúa bloqueada, mais «obviou que existen outros mecanismos legais que permitirían a aprobación desta medida con carácter urxente».
«O Goberno do Estado fai gala de saber actuaren situacións de emerxencia e crise. Por que as mariscadoras galegas ten que agardar para obter compensacións como consecuencia dos temporais?» require a senadora do BNG. Para Carme da Silva Méndez, o sector «non pode seguir agardando pola tramitación dun proxecto de lei cuxo prazo de emendas non deixar de prorrogarse» ante a grave situación en que se atopan.
Neste sentido, o BNG sinala que o Goberno do Estado ten a súa disposición «outros instrumentos legais que permitirían aprobar esta medida de maneira urxente» polo que o urxe a «exonerar xa» as cotas da Seguranza Social ás traballadoras e traballadores afectados durante o tempo que permaneza suspendida a actividade.
«Estamos a falar de máis de 7.000 mariscadores e mariscadoras, tanto a pé como a frote. Non ten sentido dilatar a solución cando o sector vive, no momento actual, unha enorme incerteza ante o cese obrigado da actividade» salienta a senadora nacionalista.













