A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Deportes, Damián Carballo, visitaron o Circuíto Municipal Jorge Prado para supervisar os traballos de acondicionamento das instalacións con motivo da celebración, o próximo 30 de maio, dunha nova proba do Campionato Galego de Motocross, que se desenvolverá conxuntamente co Campionato Asturiano.
A competición está organizada polo Club Motopark Lugo en colaboración coa Federación Galega e a Federación Asturiana de Motociclismo e contará coa participación de arredor de 80 pilotos repartidos en 11 categorías diferentes, entre elas Elite MX1, Elite MX2, MX feminino, MX 85, MX 65 ou categorías máster.
A proba desenvolverase ao longo de toda a xornada no circuíto municipal, con adestramentos dende as 11:00 horas e competición oficial a partir das 14:30 horas. A entrega de premios está prevista entre as 17:30 e as 18:00 horas. A entrada terá un prezo de 5 euros para maiores de 14 anos.













