Os deputados do PPdeG no Congreso reiteran ao Goberno central a «urxencia» do estudo encargado para implantar un servizo ferroviario de proximidade en Galicia. Así, o deputado Celso Delgado insta ao Executivo de Pedro Sánchez a facilitar o cronograma do proxecto, lembrando que «somos a única Comunidade autónoma do noroeste sen trens de proximidade» e criticando a «demora» do Ministerio que dirixe Óscar Puente con esta iniciativa «crucial para a vertebración e a mobilidade dos galegos e galegas».
Nunha batería de preguntas rexistrada polos deputados do Grupo Popular no Congreso, relátase a «necesidade» de que o estudo do servizo de trens de proximidade sexa coñecido polo Goberno galego e pola sociedade en xeral, xa que se trata do paso previo para a implantación deste servizo «moi demandado». Neste sentido, Delgado lembra que a análise para a elaboración do plan de explotación para o despregamento dun núcleo de trens de proximidade en Galicia xa foi encargado ao INECO en 2024 polo Ministerio de Transportes. Ademais, o ministro Óscar Puente ten manifestado que estaría rematado a finais de 2025 e que sería unha realidade en 2026 e «16 meses despois, non sabemos nada», subliñan os populares.
Deste xeito, nas preguntas rexistradas, o PPdeG consulta ao Goberno central se o estudo está concluído e cal é o mes de 2026 no que se presentará o proxecto. «É evidente que o ministro Puente e Pedro Sánchez incumpriron unha vez máis o seu compromiso de que o estudo estaría concluído e se presentase antes de que finalizase 2025», apunta Delgado.













