O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, izou esta mañá a bandeira azul na praia de Ponzos, que incorpora este ano o distintivo outorgado pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac). Con ela son seis as praias ferrolás que contan con bandeira azul, que desde hoxe tamén ondea nos areiais de Doniños, Caranza, Esmelle e San Xurxo.
A bandeira azul recoñece a calidade de praias en todo o mundo e este ano Ferrol é a segunda das cidades galegas con maior número de praias distinguidas con este recoñecemento que se outorga baixo criterios relacionados coa calidade das augas, a seguridade, a accesibilidade, a dotación de servizos, a xestión ambiental e a sostibilidade. A consecución destas seis bandeiras azuis en 2026 “non é un éxito puntual, senón o reflexo dun compromiso continuado no tempo” que garante un espazo natural accesible e preparado para que ferroláns e visitantes poidan desfrutalo nas mellores condicións.
Ao fío disto, lembrou que este verán un total de 60 socorristas velarán pola seguridade dos bañistas nas praias de Ferrol. “Unha praia de calidade é aquela que pensa na seguridade e na experiencia global dos seus usuarios e cada bandeira azul que recibimos é un símbolo compartido e de orgullo de cidade”, asegurou Rey Varela.
CREMA SOLAR GRATUÍTA
Desde o verán do 2023 o Concello de Ferrol -en colaboración coa Asociación Española Contra el Cáncer- pon a disposición crema de protección solar factor 50 de xeito gratuíto e un ano máis repetirase esta iniciativa nas praias con servizo de socorrismo.
Deste xeito, todas aquelas persoas que o desexen poden xa facer uso dos dispensadores instalados nas nove casetas de socorrismo localizadas en Covas, Caranza, A Graña, Penencia, San Xurxo, Doniños, Santa Comba, Esmelle e Ponzos, onde obterán a dose necesaria para a correcta protección da pel.
“Un ano máis contribuímos á prevención de enfermidades relacionadas coa exposición solar”, saudou o alcalde, destacando que esta iniciativa reflicte “unha visión integral do que significa coidar das nosas praias: non só garantir a súa limpeza ou a calidade das augas, senón tamén velar polo benestar das persoas que as desfrutan”.













