A Deputación da Coruña vén de publicar hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a aprobación definitiva do proxecto de ampliación e mellora da seguridade viaria da estrada provincial DP-3903, de Adragonte a Vilamateo por Ambroa, nos termos municipais de Irixoa e Vilarmaior.
O proxecto aprobouse no pleno provincial celebrado no mes de xaneiro e queda agora definitivamente aprobado coa súa publicación no BOP. A Deputación procederá á licitación das obras nas vindeiras semanas.
Os trámites de expropiación dos terreos necesarios para a execución da actuación están xa completados, polo que a intervención poderá iniciarse unha vez adxudicados os traballos.
O proxecto supón un investimento total de máis de 962.000 euros, dos que 899.963 euros corresponden á execución das obras e o restante ás expropiacións. As actuacións desenvolveranse nun tramo de preto de 2 quilómetros, entre os PQ 4+640 e 6+490, na saída do núcleo de Vilamateo, onde a estrada provincial xa conta con calzada ampliada e beirarrúas ao longo do núcleo.
Os traballos permitirán ampliar a plataforma da calzada actual, que conta con apenas 4 metros de ancho —o que dificulta o cruce de dous vehículos en condicións de seguridade—, ata os 8 metros de ancho, con carrís de 3,5 metros en cada sentido de circulación e beiravías laterais de medio metro.
O proxecto inclúe tamén a substitución de dúas obras de drenaxe transversal nos PQ 6+140 e 6+380 ao paso de dous regatos, mediante marcos de formigón armado, así como a mellora da intersección coa vía municipal existente á altura do PQ 6+100, onde se realizará unha mellora puntual do trazado.
A nova estrada pavimentarase con mestura bituminosa en quente sobre base de zahorra e contará cun prazo de execución de seis meses a partir do seu inicio.












