O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, xunto cos portavoces de todos os grupos políticos con representación no pleno provincial, recibiu hoxe no salón de plenos aos xogadores, corpo técnico e directiva do RC Deportivo —liderados polo seu presidente, Juan Carlos Escotet— tras o seu ascenso á 1ª división do fútbol español.
O ansiado regreso, despois de oito temporadas de ausencia na máxima categoría —pasando incluso catro anos fóra do fútbol profesional—, certificouse o pasado domingo en Valladolid, a onde se desprazou unha marea branquiazul para acompañar ao equipo e darlle folgos para lograr o ansiado obxectivo.
Nun salón de plenos ateigado de deportivistas, que non quixeron deixar pasar a ocasión de estar preto dos seus ídolos, Formoso deu a benvida a todos os representantes do club, sinalando que se trata dun día «moi especial para nós e para toda Galicia». O presidente provincial incidiu en que o Deportivo «é un símbolo daquilo que nos une. É un sentimento que transcende á cidade, ás fronteiras desta provincia, ás xeracións, ás ideoloxías políticas… é un sentimento que transcende a calquera outro que no día a día pode distanciarnos».
O presidente non quixo deixar pasar a ocasión de dar os parabéns a «unha afección incrible, envexada por todos os clubs de España» e tamén «a unha directiva e a un presidente que deu un paso complexo cando decidiu asumir a presidencia». Por iso, quixo agradecer «o esforzo que fixeches para lograr a aspiración de todo un país».
Pola súa banda, o presidente do RC Deportivo, Juan Carlos Escotet, agradeceu á Deputación «el apoyo que durante tantos años ha mantenido con el club», así como polo recibimento no pazo provincial. Escotet incidiu en que este ascenso «genera ilusión en muchísimas personas y devuelve a A Coruña a un ámbito de máxima visibilidad dentro del fútbol español» e situou ao Deportivo como «parte de la historia social y deportiva de esta provincia».
Lembrou que o club pasou recentemente «etapas de mucha exigencia; y fue precisamente en esos momentos cuando más se evidenció la fortaleza del deportivismo». Unha esixencia que se mantén co regreso á elite do fútbol español, que obrigará ao club «a seguir creciendo con estabilidad y responsablidad; y ese seguirá siendo nuestro compromiso: consolidar un proyecto sólido, competitivo y preparado para el futuro. Para rematar a súa intervención, Escotet volveu agradecer «la cercanía institucional y la colaboración» da Deputación.













