Grandes raíñas do transformismo súmanse ao cartel do Atlantic Pride da Coruña este verán. Do 5 ao 12 de xullo, polos escenarios da sétima edición do ‘Orgullo do Norte’ desfilarán festexadas drags queens de impacto nacional e galego, que únense á xa confirmada Choriza May. Elas son Pitita, Chloe Vittu, la Niña Delantro, Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon.
Deste xeito, o Atlantic Pride engade ao seu programa a presenza de sete novas artistas drag que elevarán a experiencia escénica da cita a un novo nivel. Entre as novas confirmacións destacan Pitita, gañadora da terceira tempada de Drag Race España e figura de referencia internacional; Chloe Vittu, a “raíña máis choni”, gañadora do certame Queen of Queens de Barcelona e concursante da cuarta tempada de Drag Race España; e La Niña Delantro, finalista desa mesma cuarta tempada de Drag Race España, recoñecida pola súa enerxía explosiva e a súa fusión de baile, cabaré e trap.
Xunto a elas, non faltarán as galegas Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon, que traerán ao festival unha combinación única de talento, innovación e presenza escénica, asegurando momentos memorables para o público e aportando unha visión propia do drag: desde o estilo performático e emotivo de Electra ata a forza escénica e a experiencia de Kim Miller, pasando pola espectacularidade e intensidade de Saia Santa, ou a elegancia e teatralidade de Sasha Moon.
Deste xeito, o festival consolídase, un ano máis, así como un espazo de referencia para a comunidade drag, reunindo talentos locais, nacionais e internacionais nunha programación que promete festas, emoción e unha celebración da diversidade artística sen precedentes.
UN REPASO AO CARTEL XA ANUNCIADO PARA ‘ORGULLO DO NORTE’ 2026
O Atlantic Pride encherá de enerxía electrizante os seus escenarios para festexar a súa sétima edición do 5 ao 12 de xullo de 2026. Cunha divertida combinación de talento, identidade e enerxía, o ‘Orgullo do Norte’ coruñés busca consolidarse, un ano máis, como un evento imprescindible para celebrar a diversidade a través da música.
Co seu cartel, o público poderá gozar de propostas musicais que van desde a sensibilidade íntima e innovadora de Alba Reche, que combina honestidade e evolución sonora, ata a enerxía potente e visceral de Julieta, unha das voces máis influentes do novo pop catalán, pasando pola forza en directo de Ricky Merino e o estilo provocador e festivo de Kika Lorace, que transforma cada actuación nunha festa de humor e diversidade. O festival presentará, tamén, «ZAHARAVE», o espectáculo electrónico de Zahara, que conxuga o poder do techno cunha escenografía impactante, creando unha experiencia única e reivindicativa.
Ademais, o talento galego emerxente estará tamén presente nos escenarios do Atlantic Pride este verán, grazas á ‘boa vibra’ de bandas e artistas galegas como arde, Jonydasvie, Montedapena, raze e Terrae Dj’s. Power pop, pop-punk, pop urbano, World Music, electrónica, músicas de baile e sons de raíz encherán o escenario da súa man. Non faltarán á cita formatos híbridos, performance, danza e impactantes proxeccións audiovisuais.
Xunto a elas, o ‘Orgullo do Norte’ contará con nomes de pegada nacional e internacional como Miriam Rodríguez e Whigfield , que non defraudará co seu himno Saturday Night. A fantasía e o humor chegará da man das raíñas do performismo Choriza May, Pitita, Chloe Vittu, la Niña Delantro, Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon. Moi pronto, o festival anunciará as derradeiras figuras que pecharán o seu cartel neste 2026.
SOBRE AS ARTISTAS
PITITA
Sábado 11 de xullo, Xardíns de Méndez Núñez
Pitita, gañadora de Drag Race España (na tempada 3), é unha afamada drag queen barcelonesa de pegada internacional. Modista, actriz, cantante, influencer, presentadora e figura relevante do colectivo en todo o país, destaca, tamén, como activista e colaboradora con diferentes entidades que apoian o colectivo LGTBQIA+. Pitita é unha artista multidisciplinar que bebe de diferentes áreas artísticas, desde a moda, a posta en escena, a interpretación, a música e mesmo a literatura, co seu novo libro Patronando a Pitita.
CHLOE VITTU
Venres 10 de xullo, Xardíns de Méndez Núñez
A grad queen catalá Chloe Vittu foi unha das concursantes da cuarta tempada de Drag Race España. O seu nome drag fai referencia a Khloé Kardashian e á palabra finlandesa que significa “coño”. Coñecida como a “raíña máis choni”, non deixa de sumar seguidores grazas a temas como El cuerpo del delittu. O seu universo artístico está inspirado nas chonis de barrio, pero reinterpretadas e elevadas a unha estética máis coidada, que toma como referencia a artistas como Ms Nina, La Zowi ou Bad Gyal. Antes do seu festexado paso por Drag Race España, Chloe Vittu proclamouse en xaneiro de 2022 gañadora do certame Queen of Queens de Barcelona.
LA NIÑA DELANTRO
Venres 10 de xullo, Xardíns de Méndez Núñez
Cantante, bailarina, modelo e artista drag, La Niña Delantro foi finalista da cuarta tempada de Drag Race España. Activista trans nacida na Comunidade Valenciana, desde pequena formouse en danza, teatro e artes escénicas. Aos 15 anos comezou a traballar como bailarina profesional e aos 20 transformou todos os seus coñecementos en danza e teatro para facer drag, ata chegar á actualidade, sendo, tamén, cantante de música urbana, hyperpop e trap. Foi, tamén, a concursante máis nova da súa tempada de DRES e a que máis lipsyncs superou, é dicir, erixiuse como a “lipsync assassin” de España. Nos seus espectáculos, fusiona o folclore dramático antigo co baile, o cabaré e o striptease máis sexy, con números de danza sempre explosivos para animar a festa.
ELECTRA
Martes 7 de xullo, Praza de Pontevedra
Electra concibe o drag como unha ferramenta de expresión, emoción e narrativa visual. A súa traxectoria nace da necesidade de xogar coa identidade, a maquillaxe e o corpo como lenzo, e evolucionou co tempo cara a unha proposta cada vez máis definida, persoal e recoñecible.
O seu estilo móvese entre o performático e o estético, coa maquillaxe como elemento central e unha coidada construción de personaxe. Nos seus looks conviven referencias contemporáneas, dramatismo e sensualidade, sempre cunha clara intención artística: cada detalle está pensado para contar unha historia. O que define a Electra é a súa capacidade para transmitir emocións a través da imaxe e da actitude en escena. Aposta por un drag honesto, expresivo e en constante evolución, que non busca encadrarse, senón provocar, conectar co público e deixar pegada.
KIM MILLER
Mércores 8 de xullo, Praza de Pontevedra
Kim Miller representa toda a esencia do drag do norte, cunha sólida experiencia escénica sobre as táboas. Habitual do escenario de Claro Boba!, é tamén unha das impulsoras da ‘Drag Night’ de Santiago de Compostela, un evento que reúne artistas locais e de renome e que se ten convertido nun auténtico éxito en Galicia.
SAIA SANTA
Martes 7 de xullo, Praza de Pontevedra
Saia Santa é unha artista drag galega, residente na Coruña e orixinaria de Betanzos, que se está a consolidar como unha das figuras emerxentes máis destacadas da escena drag autonómica. A súa proposta escénica caracterízase por espectáculos de alto impacto nos que combina baile, acrobacias e unha presenza magnética que conecta co público desde o primeiro momento. A súa estética, marcada polo uso do vermello e o negro, reflicte a intensidade e a forza que transmite en cada actuación, xunto cun notable dominio da maquillaxe e da caracterización.
Debutou en decembro de 2024 no concurso de Nadal do N29 de Vigo, onde estivo a piques de acadar a vitoria, posicionándose rapidamente como unha nova promesa do drag galego. Desde entón, actúa de forma habitual en Claro Boba! e participou nalgúns dos principais eventos da escena en Galicia, como Bloom e Drag Night en Santiago de Compostela, ademais de levar o seu talento a escenarios fóra da comunidade. Co seu estilo inconfundible, a súa evolución constante e unha proposta artística moi definida, Saia Santa continúa a medrar e a destacar como unha artista cunha identidade propia dentro do panorama drag.
SASHA MOON
Mércores 8 de xullo, Praza de Pontevedra
Sasha Moon é unha artista do panorama drag galego que destaca pola súa presenza escénica e unha imaxe coidada e expresiva, capaz de transmitir carácter e personalidade sobre o escenario. Bebe directamente da esencia das grandes folclóricas para construír un estilo propio, marcado pola forza, a elegancia e unha interpretación profundamente emocional. A través da súa arte, rende homenaxe á tradición, á copla e ao espectáculo máis clásico, achegando sempre unha visión actual, persoal e profundamente traballada. Cada vez que pisa o escenario, Sasha transforma o espazo en teatralidade e conexión co público. O seu traballo chama a atención polo coidado nos detalles, a intensidade interpretativa e a capacidade de transportar ao espectador a un universo onde a música, a estética e a expresión artística combínanse para crear momentos únicos.
SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’ CORUÑÉS
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride é un festival de música pioneiro, gratuíto e inclusivo que se celebra na cidade da Coruña, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Na súa pasada edición, a sexta, celebrada en xullo de 2025, a cita reuniu a preto de 45.000 persoas.
O Atlantic Pride está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña –ORCO– e conta co patrocinio institucional do Concello da Coruña e o apoio da Deputación da Coruña. O festival posúe, tamén, o patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
O Atlantic Pride nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
Tras seis edicións, o Atlantic Pride consolídase como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comezo do verán ao longo da Península e no que teñen cabida coloridas propostas para todos os públicos, gustos e idades.
Así, no Atlantic Pride non faltan concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de dj’s de referencia da escena galega e estatal e a celebración do Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que no 2026 afronta a súa quinta edición.
Nos seus seis anos de historia, o cartel de Atlantic Pride reuniu figuras como La Terremoto de Alcorcón, La Casa Azul, Ladilla Rusa, Samantha Hudson, Javiera Mena, Grande Amore, Soleá Morente, OBK, Amistades Peligrosas, Fillas de Cassandra, Joe Crepúsculo, La La Love You, Melody, Locomía, Nancys Rubias, Samantha Ballentines, Soraya, Chanel, Lucía Pérez, Las Ketchup, Luna Ki, Mondra, Nena Daconte, Nebulossa, Raúl, Rosa López, Shego, Supremme De Luxe, Vengaboys, Agoraphobia, Anabel Conde, Arantxa Castilla-La Mancha, De Ninghures, David Civera, Edurne, Judeline, Leria, Mayo, Merche ou Nia, entre moitas outras.













