O BNG urxe á Xunta a declaración de zonas de mercado residencial tensionado para axudar a conter os prezos da vivenda. Propón, entre outras medidas, a esixencia por lei dunha licenza urbanística previa ás vivendas de uso turístico nesas zonas ou nos municipios de alta concentración de VUTs que poñan en risco o equilibrio e a calidade do contorno urbano.
Dúas propostas que se recollen na proposición de lei que o Bloque vai rexistrar no Parlamento, tal e como anunciou a deputada Saleta Chao, que subliñou que, en só sete anos, o número de VUT dadas de alta no Rexistro de Empresa e Actividades Turísticas (REAT) en Galiza aumentou de 500 a 27.600.
Afirmou que este incremento non se debe só á competencia asimétrica da rendibilidade do arrendamento turístico fronte ao convencional, senón que tamén é froito das decisións dunha Xunta que permite inscribir vivendas do REAT independentemente de se teñen ou non o título habilitante que outorgan os concellos. “A inacción da Xunta nesta materia obriga os concellos a solicitar que o rexistro dea de baixa as vivendas que non acreditan título, que debería ter que se presentarse xa no momento da inscrición no rexistro para acreditar que se cumpren as condicións”, explicou.
Neste punto, declarou que a regulación das VUT depende, a día de hoxe, do traballo que se desenvolve desde o ámbito municipal, poñendo en valor o caso de Santiago, que conseguiu reducir nun 22% o número de vivendas de uso turístico, pasando de 803 a 630 desde 2023.
Chao atribuíu a actual crise de prezos, que aumentaron un 21% no caso da compra e un 28% no alugueiro, á carencia de políticas públicas de vivenda nos últimos 17 anos do Goberno do PP, ao deixar a promoción de vivenda en mans do mercado libre. “17 anos nos que o PP non moveu un dedo e renunciou, deliberadamente, a desenvolver unha política pública en materia de vivenda que contribuíse a equilibrar un mercado desregulado e fortemente especulativo”, criticou.
A deputada nacionalista rexeitou, tal e como sosteñen os populares, que a intervención no mercado da vivenda desincentive os propietarios a alugar. Ao contrario, sostivo, foron precisamente as políticas non intervencionistas do PP as que provocaron o uso especulativo da vivenda, provocando así que a día de hoxe “familias, as traballadoras ou a xente moza non poidan acceder a unha vivenda”.
Estudo previo de concentración de VUTs
Canda a esixencia dunha licencia previa para as VUT, que tería unha duración de cinco anos prorrogábeis, o BNG proporá a obriga por parte da Xunta a realizar, a través do Observatorio de Vivenda de Galiza, un estudo previo de concentración de vivendas de uso turístico, acreditando que se dean cando menos unha das dúas condicións establecidas para a declaración de zona de mercado residencial tensionado.
Segundo explicou, estas condicións son, ou ben que a carga media do custo da hipoteca ou do alugueiro e os gastos e submnistracións básicas supere o 30 % dos ingresos, ou ben que a renda media dos fogares, ou que o prezo de compra ou alugueiro experimentase nos cinco anos anteriores unha porcentaxe de crecemento acumulado de, polo menos, tres puntos superior á do IPC de Galiza.
Na súa proposta, o BNG reclama ademais a elaboración dun mapa de concentración de VUT detallado por zonas, unha análise das persoas físicas ou xurídicas propietarias ou xestoras das vivendas de uso turístico —con especial atención á presenza e evolución dos grupos de investimento— e, para rematar, unha análise da alta concentración de VUT e a súa repercusión no dereito ao acceso a unha vivenda habitual.
A deputada nacionalista emprazou o Executivo de Rueda a “blindar a función social da vivenda” ao ser un dereito básico para a cidadanía” porque o Goberno galego “ten competencia e capacidade para desenvolver políticas de vivenda que axuden a reverter a situación que estamos a vivir”.
Rectificación do concepto “Galiza, refuxio de tranquilidade”
Noutra orde de cousas, Saleta Chao quixo aproveitar para pedir a rectificación por parte do presidente da Xunta por considerar e promover Galiza como “refuxio de tranquilidade e autenticidade” e “converter a crise xeopolítica actual nunha oportunidade de mercado”, dixo en alusión aos 5 millóns de euros reservado ao turismo no plan de axudas pola guerra .
“Son unhas declaracións inadmisibles”, advertiu, para emprazar o Goberno galego a desistir na utilización das crises que afectan a Galiza, como a emerxencia climática ou agora a guerra do Irán, para promover Galiza como destino turístico. “Parécenos moi grave”. “O noso País non se pode promover en base ao sufrimento nin doutros nin da sociedade galega”, rematou.













