O Concello de Lugo informa á cidadanía das afeccións á mobilidade que terán lugar este vindeiro sábado, 12 de setembro de 2026, con motivo da celebración da «II Carreira Solidaria Aspnais – Holi Run».
A proba deportiva ten prevista a súa saída ás 18:30 horas dende as instalacións do Centro ASPNAIS e contará cunha duración estimada de 55 minutos. Para garantir a máxima seguridade dos participantes e do público, deseñouse un plan de tráfico que contempla cortes de circulación xeneralizados no percorrido entre as 18:20 e as 19:45 horas.
Rúas afectadas polos cortes de tráfico
O circuíto obrigará a interromper o tráfico rodado no seguinte itinerario:
- Rúa Santiago
- Ronda da Muralla
- Porta de Santiago
- Bo Xesús
- Praza de Santa María
- Praza Maior (zona de subida, Casa do Concello e baixada)
- Rúa Bispo Aguirre
- Rúa Vilalba
- Avenida Rodríguez Mourelo
- Praza de Avilés
- Interior do Parque Rosalía de Castro
- Acceso a Pascual Veiga
- Baixada da Rampa
- Rúa Frai Plácido Rei Lemos
O tráfico irase restablecendo de maneira coordinada pola Policía Local e a organización no momento no que o derradeiro corredor ou corredora da segunda volta acceda ao Parque de Rosalía.
Restricións de aparcamento
Ademais dos cortes de circulación, será necesario liberar varias zonas de estacionamento dende as 16:00 ata as 20:30 horas do mesmo sábado. As áreas onde estará prohibido aparcar son:
- Rúa Frai Plácido Rei Lemos: En ambas as marxes da calzada.
- Praza de Avilés: Nas prazas de estacionamento próximas á entrada do Parque de Rosalía.
- Avenida Rodríguez Mourelo: Na marxe dereita segundo o sentido de circulación actual.
Para minimizar os inconvenientes, a organización colocará carteis informativos nos vaos e áreas afectadas con polo menos dous días de antelación.
Voo de drons na Praza Maior
Adicionalmente, habilitarase unha zona acoutada e valada na Praza Maior (xunto á entrada do pasadizo do xadrez) para o despegue e aterraxe de drons a partir das 17:00 horas.
Dende o Concello de Lugo prégase aos condutores que planifiquen os seus desprazamentos con antelación durante a tarde do sábado, respecten a sinalización circunstancial instalada e sigan en todo momento as indicacións da Policía Local e o persoal da organización. O Goberno local agradece de antemán a comprensión e colaboración cidadá para o bo desenvolvemento desta importante cita solidaria.







