A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, puxo hoxe en valor o «compromiso do Goberno galego co reforzo» do dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, que é «referencia a nivel nacional e internacional». Subliñou as «importantes melloras» que incorpora a actualización do Pladiga 2026 en materia de prevención, vixilancia e tecnoloxía, extinción e en medios materiais e humanos.
Así o manifestou a número dous dos populares galegos durante unha visita nas Nogais aos labores de prevención que realiza a Unidade Batracio -do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia- neste municipio lucense. Concretamente, están realizando rozas en pistas forestais, creando e mellorando cortalumes e accesos a zonas de montaña. De feito, neste municipio xa levan actuado nos últimos meses en arredor de 20 hectáreas.
No encontro, no que tamén participou o alcalde, Jesús Manuel Núñez; o portavoz de Medio Rural do PPdeG no Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Viso, e outros cargos do partido na provincia, Prado remarcou que a prevención «non é exclusiva da Xunta de Galicia» e chama a atención sobre os concellos que aínda non se adheriron ao convenio con Seaga de xestión da biomasa nas faixas secundarias, co que a Xunta ofrece facilidades para que municipios e propietarios cumpran coas súas obrigas.
Concretamente, a secretaria xeral lamenta que a día de hoxe aínda hai concellos que seguen sen sumarse a este convenio. «O idóneo tería sido que se adheriran antes do 21 de marzo e enviar a planificación de traballos e actuacións antes do 31 dese mes, pero a realidade é que só o 30% o fixeron daquelas». Incide en que «máis da metade dos concello que non se adheriron (8) son do partido que sempre pretende dar leccións: o PSOE».
Pregúntase que leccións pode dar un PSOE que está á fronte «dun Goberno central sumido na corrupción e no escándalo diario, defendendo ao expresidente Zapatero, imputado, e ao seu líder Pedro Sánchez». Do mesmo xeito, afeou que o BNG «siga mantendo no poder a Sánchez e que non consideren necesario convocar eleccións». «O PSOE pasará a historia por estar á fronte do Goberno máis corrupto de España, e desta historia tamén forman parte os nacionalistas, socios e cómplices de Sánchez».
Para Prado, ante a actualidade política que afecta ao Goberno, «o único que procede é que os cidadáns decidan que tipo de goberno queren para o seu país e o futuro de España». «É fácil distinguir os que buscan solucións dos que só pretenden enredar», engade.
Fronte aos do «ruído» e a «pancarta», o PPdeG eríxese como o partido no que «confían» a maioría dos galegos e galegas e, ademais, é o «partido do rural», gobernando no 60% dos concellos de menos de 5.000 habitantes, como é o caso das Nogais.
25 MILLÓNS DE EUROS ANUAIS PARA A XESTIÓN DA BIOMASA
A número dous do PPdeG fixo fincapé no esforzo do Goberno galego en materia de prevención, con máis de 75 millóns de orzamento neste 2026 co que se prevé actuar en case 34.000 hectáreas de superficie e, dentro dos cales, se dobra o investimento do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias: 25 millóns de euros anuais e máis apoios para concellos e propietarios.
Xa no contexto do aumento de medios previstos polo Goberno galego para a campaña de incendios, os populares tamén destacan a incorporación de 42 novas brigadas, que implican 168 efectivos máis, o reforzo da unidade especialista en grandes incendios forestais (a UDEX), o aumento de medios aéreos e 16 novos bulldózeres para prevención.
UN ALCALDE QUE GOBERNA DENDE 2011
Ademais, Paula Prado puxo en valor o equipo de Jesús Manuel Núñez nas Nogais, onde goberna de forma continuada desde o 2011. Neste sentido, o alcalde popular acadou para o seu concello melloras en núcleos rurais, acceso ás axudas a domicilio, políticas sociais avanzadas e unha mellora das infraestruturas.
O alcalde aproveitou para poñer en valor as tarefas de prevención que realiza o Goberno galego nas Nogais «con todos os seus medios» e resaltou o «importante traballo» que fai a Unidade Batracio no Distrito VII. «A prevención é tarefa de todos», engadiu, agradecendo o apoio do Goberno galego nas diferentes accións que «debemos realizar nos concellos, os particulares e as comunidades de montes».













