O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco destacou hoxe a resposta do Goberno á emerxencia causada polas sucesivas borrascas, mediante a activación dun reforzo do investimento en mantemento de estradas do Estado de ata 53 millóns de euros na provincia de Ourense. O delegado supervisou este mércores na N-540, ao seu paso polo municipio de Coles, a execución do Plan Especial de Reparación e Conservación de Estradas do Estado en Galicia, acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; e polaa alcaldesa en funcións de Coles, Susana Rodríguez.
Durante a comprobación do avance dos traballos, Pedro Blanco explicou que as choivas persistentes dos últimos meses deterioraron o estado das estradas como poucas veces sucedera antes e aclarou que esas condicións meteorolóxicas imposibilitaban tamén facer labores de asfaltado. “En canto o tempo deu unha tregua, comezamos as reparacións e, por iso, quero trasladar unha mensaxe clara: desde o primeiro momento, este Goberno actuou con rapidez, responsabilidade e investimentos en toda Galicia”, remarcou.
Ao respecto, o delegado detallou que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible fixo un estudo completo dos danos na rede viaria estatal e identificou os puntos nos que é preciso actuar. “Era fundamental intervir canto antes para garantir a seguridade dos condutores e condutoras e devolver a normalidade ás nosas vías. E así se está facendo, con resultados que xa se ven en dúas semanas de traballos”, subliñou.
Ademais, avanzou que o Ministerio de Transportes retomará os traballos do contrato de 11 millóns de euros para a rehabilitación do firme da N-540, entre Lugo e Vilamartín, co obxectivo de mellorar a estrada ao longo de 69 quilómetros, entre os puntos quilométricos 0 ao 68,9.
Investimento sen precedentes en Galicia
Pedro Blanco indicou que o Plan Especial de Reparación e Conservación de Estradas do Estado en Galicia inxectou 38 millóns de euros adicionais pola emerxencia, o que permite chegar á cifra histórica de 167 millóns de euros anuais para conservación da rede estatal. Así, concretou que na provincia de Ourense o importe adicional é de 9 millóns, o que posibilita alcanzar así aos 53 millóns de euros de investimento neste 2026 para manter as estradas ourensás en condicións óptimas de seguridade.
Nesta liña, o delegado do Goberno en Galicia deu as grazas ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, polo seu compromiso con Ourense, “impulsando infraestruturas estratéxicas da provincia para consolidala como o centro da mobilidade de Galicia”. Tamén agradeceu o traballo da Unidade de Estradas do Estado en Ourense, así como dos técnicos e empresas que están a executar as actuacións. “O compromiso do Goberno é seguir actuando con dilixencia ante calquera emerxencia. Porque manter as nosas infraestruturas en condicións de seguridade é unha prioridade absoluta”, sostivo.
Melloras en 2.000 puntos da rede estatal de Galicia
O Plan Especial prevé actuar en preto de 2.000 puntos da rede estatal, realizar traballos de asfaltado en 262 quilómetros de vías, intervir sobre 1,2 millóns de metros cadrados e estender máis de 260.000 toneladas de asfalto. As obras mobilizarán arredor de 200 operarios, 75 máquinas e 60 camións.
Pedro Blanco subliñou que este é “o maior investimento anual en conservación viaria da historia recente de Galicia” e lembrou que, sumando esta partida extraordinaria, o investimento do Goberno nas estradas do Estado en Galicia ascende xa a 737 millóns de euros desde 2018.










