O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor o patrimonio histórico albergado no Museo do Pobo Galego, en Santiago, e fixo un chamamento á cidadanía galega invitándoa a coñecelo: “O mellor xeito para seguir tecendo o futuro de Galicia dende as raíces é ser conscientes do noso pasado”. Pedro Blanco fixo a súa primeira visita institucional ao Museo logo de ser recibido pola equipa directiva do seu padroado, coa presidenta á cabeza, Concha Losada, acompañada pola vicepresidenta, María Xosé Fernández Cerviño.
Pedro Blanco estreitou os lazos de colaboración institucional entre o Goberno de España e o padroado do Museo, quen o fixo partícipe dos proxectos en marcha e dos retos presentes da institución. Trasladoulles o afán do Goberno por impulsar a cultura galega en todas as súas formas, ademais de por dinamizar o tecido asociativo galego deste sector.
Durante o percorrido polas diferentes salas do edificio, “cheas dunha riqueza con infinito peso cultural”, Pedro Blanco detívose co persoal da institución para agradecerlles o seu labor de conservación e posta en valor da historia de Galicia. O delegado destacou a senlleira biblioteca coa que conta o Museo, na que se estudan algúns dos máis importantes textos e libros aos que deu lugar Galicia.
O delegado reivindicou a función tanto do padroado, personificado en Concha Losada, como dos traballadores e traballadoras “de trasladar a memoria da nosa terra ás xeracións vindeiras”, un labor “capital para construír un país democrático, libre e orgulloso do seu pasado mediante a conciencia das súas raíces”.












