A Casa da Cultura de Vimianzo acolle este venres 8 e sábado 9 de maio a segunda edición do Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte “Alza Voz de Muller”; unha cita que se consolida tras o éxito da primeira convocatoria.
O encontro, promovido polo Concello de Vimianzo, coa colaboración da Deputación da Coruña e da Dirección Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, supera xa as 120 persoas inscritas, na súa maioría mulleres procedentes de distintos puntos de toda a provincia.
Este foro pretende consolidarse como un espazo de referencia para a reflexión, a aprendizaxe e o impulso do liderado feminino no ámbito rural, favorecendo o inter-cambio de experiencias e a creación de redes profesionais.
Baixo o lema “Da consciencia á acción para liderar, emprender e transformar desde o rural”, a cita reunirá a destacadas profesionais e referentes a nivel estatal, que participarán en distintas actividades orientadas ao desenvolvemento persoal e profesional das asistentes.
O evento contará con relatorios, espazos de diálogo e dinámicas participativas nas que se ofrecerán ferramentas prácticas e se fomentará a toma de decisións, así como para fortalecer unha comunidade de mulleres con intereses compartidos.
Entre as participantes desta edición figuran nomes como Gemma Fillol (consultora de marca persoal); Nuria Varela (xornalista e escritora); Eva López Barrio (experta en em-prendemento feminino); Rosa Arcos (Fademur), Cecilia Trancón (Caolines de Vimianzo) e Lorena Añón (vicerreitora da Universidade de Santiago de Compostela), entre outras.
As inscricións seguen abertas e poden formalizarse de xeito gratuíto a través da páxina web oficial: Alzavozdemuller.com













