De Ninghures e Mondra xúntanse por vez primeira para festexar e cantar ao verán galego. ‘Que se nos faga de día’ é o título dunha canción que cheira a salitre, herba seca e fume de San Xoán, e que apunta a ser un dos temas máis bailados e cantados nos vindeiros seráns.
Producida por Juan de Dios Martín, ‘Que se nos faga de día’ é unha rumba que se converte nunha auténtica oda ao estío galego. É un canto vigoroso á época das verbenas, dos días luminosos e das noites que nunca se queren deixar marchar; a celebración dunha terra que, tanto no mar coma na montaña, non deixa de cantar.
De Ninghures e Mondra únense como esas amizades que se reúnen no verán: con apertas que van directas ao corazón e nas que a calor se esvaece bailando en comuñón. ‘Que se nos faga de día’ é un himno que fala de amor, de suor e, especialmente, de deixarse levar.













