A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega este venres, 5 de xuño, a Betanzos. O Salón Azul do Edificio do Arquivo en Betanzos acollerá a partir das 19:30 horas unha charla na que o público aprenderá como participar na recolla dos nomes das leiras, montes, camiños, fontes e outros microtopónimos empregando a aplicación do proxecto Galicia Nomeada. A alcaldesa, María Barral, presentará o relatorio que impartirá Vicente Feijoo, filólogo da Real Academia Galega e coordinador técnico desta iniciativa colaborativa, creada pola RAG e a Xunta de Galicia para a conservación dun patrimonio inmaterial que fai do noso país un caso singular pola súa excepcional riqueza. Na sesión tamén se explicarán a orixe e o significado dos nomes do propio concello e das súas principais entidades de poboación.
Galicia Nomeada só recibiu ata o momento 21 achegas públicas relacionadas con Betanzos por parte de 6 persoas colaboradoras. Toponimízate busca facilitar que máis veciños e veciñas se sumen a un labor ben necesario. Se ben hai anos este municipio coruñés foi obxecto dunha primeira recolleita da súa microtoponimia a través do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), aquel traballo non foi exhaustivo e os rexistros nalgunhas freguesías, como Requián ou Piadela, ficaron bastante incompletos.
A charla deste venres terá por este motivo unha gran protagonista: a aplicación de recolla e colaboración cidadá coa que xa se recuperaron máis de 110.000 microtopónimos de toda Galicia dende a súa posta en marcha a finais de 2019. De xeito práctico e ameno, a veciñanza coñecerá as principais funcionalidades de Galicia Nomeada e aprenderá a utilizar tanto a versión para navegadores web coma a de dispositivos móbiles. Explicarase como solicitar unha conta de usuario, como engadir un novo topónimo, e como enviar suxestións e completar a información da toponimia betanceira que xa existe na plataforma, entre outras cuestións.
Vicente Feijoo indicará ademais as principais mudanzas que implicou en Betanzos a aprobación da revisión do Nomenclátor de Galicia este mesmo ano: entre outros, engadíronse os lugares de Talai, Loureiros e A Veiga, que ata entón non estaban recollidos. Por último, a charla afondará na orixe e no significado dos nomes das parroquias e aldeas de Betanzos, algúns tan antigos como Tiobre ou Illobre, que os expertos consideran de procedencia celta.













