Durante este curso escolar, o programa chegou a un total de 310 estudantes de 4º da ESO a través de catro sesións celebradas en centros educativos das catro provincias galegas, garantindo así unha representación territorial equilibrada e permitindo trasladar a mensaxe a alumnado de distintos puntos de Galicia.
A iniciativa xorde nun momento especialmente relevante para a mocidade, xa que o remate da Educación Secundaria Obrigatoria supón a necesidade de tomar decisións sobre o seu futuro académico e profesional. Con este proxecto, Clusaga quixo acompañar ao estudantado nesta reflexión, amosándolle que, independentemente de optar pola Formación Profesional ou por estudos universitarios, a industria alimentaria ofrece múltiples oportunidades de desenvolvemento profesional en ámbitos moi diversos, ao tratarse ademais dun sector cada vez máis tecnolóxico e innovador, vinculado á dixitalización, á automatización, á análise de datos e á incorporación de novas ferramentas como a intelixencia artificial.













