O Goberno local continúa apostando pola mellora das infraestruturas que favorecen a práctica deportiva, a mobilidade sostible e a calidade de vida da cidadanía. Así, na Xunta de Goberno local celebrada hoxe aprobouse o expediente de licitación obra de “Prolongación dun tramo do carril bici da estrada Ferrol-Doniños-San Xurxo”, incluída no POS+Adicional 2/2025.
Na actualidade, existe un carril bici executado nas inmediacións da praia de Doniños, que finaliza xunto á estrada de acceso cara a San Xurxo. A partir dese punto, os ciclistas vense obrigados a compartir a calzada co tráfico rodado ao non existir unha infraestrutura específica para a circulación en bicicleta.
Esta circunstancia limita a continuidade do itinerario e xera problemas de seguridade viaria, especialmente nos períodos de maior afluencia estival motivo polo que se considera de interese público a realización das obras de continuidade deste carril.
Coa execución desta actuación, prolongarase o carril bici desde Doniños ata San Xurxo, que terá unha anchura útil de 2,50 m de anchura útil. Ademais, proxéctase unha pendente transversal do 1,5% para a drenaxe superficial, complementada con sumidoiros conectados a unha rede de pluviais.
O itinerario complétase coa adecuación de accesos e a sinalización horizontal e vertical específica para o seu uso ciclista.
Con esta actuación avánzase na consolidación do itinerario litoral, na mellora da seguridade viaria dunha vía moi utilizada pola veciñanza e visitantes, e na promoción dun modelo de mobilidade máis sostible e accesible na costa ferrolá.
O orzamento do contrato ascende a 79.816,28 euros e o prazo de execución previsto no proxecto é de dous meses.













