Rosalía de Castro marcou o gran fito entre o popular e a literatura culta coa publicación de Cantares gallegos (1963), o poemario fundacional das letras galegas contemporáneas que editou Juan Compañel en Vigo. O diálogo da autora coa voz poética do pobo está tamén presente no fondo do traballo do seu home, o historiador Manuel Murguía, quen ao longo de moitos anos anunciou a edición dun libro, Rimas populares de Galicia, no que recompilaría os romances que fora acumulando grazas á súa rede de colaboradores. «Pero por paradoxal que pareza, non semella que haxa influencia mutua entre Cantares gallegos e o proxecto das Rimas de Murguía: son coma ríos paralelos que levan auga das mesmas montañas», valora Diego Rodríguez.
O académico correspondente presentará esta tarde na cidade olívica As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía. Edición e estudo dos materiais conservados, o volume que, no seo da colección Anexos BRAG da Academia, ofrece as páxinas «definitivas» daquela iniciativa frustrada que chegaron ata hoxe. O traballo que realizou baséase na documentación que se conserva na Fundación Barrié e na RAG.
A presentación, ás 19 horas na Casa Galega da Cultura (moi preto da antiga imprenta de Compañel), consistirá nunha charla na que o autor conversará co presidente da Academia, Henrique Monteagudo, e Carlos L. Bernárdez, coautor de Romanceiro en lingua galega (2002), sobre os avatares da xestación das Rimas e mais da posterior conservación e reprodución da documentación orixinal, así como a relevancia da publicación para a investigación no campo da literatura popular galega. O acto organízase coa colaboración do Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O presidente da Real Academia Galega sinala nesta liña que este novo libro da colección Anexos BRAG —editado co apoio do Concello da Coruña e dispoñible en copia dixital na sección de publicacións de web da Academia—, rescata da penumbra un material que pode abrir novas vías para a análise arredor do romanceiro en Galicia. «Este libro trae a luz a un material inédito desde hai máis de cen anos que constitúe unha achega moi importante para o debate da historia e da evolución do romanceiro de tradición oral en Galicia. Ofrece moitos elementos de xuízo para este capítulo tan relevante para a historia da nosa cultura», expresa Henrique Monteagudo.
Entre outros, a edición reproduce pregos históricos que atinxen o «Romance de don Gaiferos» que han contribuír á discusión sobre se esta composición circulou orixinalmente en galego ou foi unha adaptación, mesmo invención, de Murguía ou dalgún intelectual galeguista de finais do XIX, como se adoita defender en distintos círculos académicos. Rodríguez argumenta o primeiro, e sostén tamén que naquela altura había máis romances en versión galega do que acostuma sinalarse. Contradí, pois, a hipótese máis estendida entre os expertos que fixeron recollas a finais do século XX e suxire un proceso de castelanización posterior na cadea de transmisión.
Historia dunha iniciativa frustrada
A publicación da RAG reproduce unhas 150 composicións poéticas: as incluídas nos papeis que se conservan do home de Rosalía de Castro, mais outras publicadas con retoques por Lois Carré nos anos 50 do século XX a partir de documentación do primeiro presidente da RAG hoxe non localizada. Entre as primeiras, Diego Rodríguez destaca o «Romance de Silvana», un dos máis estendidos en Portugal e tamén en España, así como versións galegas inéditas dos versos de «A doncela guerreira», aprendidos pola súa filla Alejandra Murguía de Castro a través da anciá de Laxe que traballaba para o seu avó, sinala Diego Rodríguez.
Murguía proxectaba publicar n’As Rimas os materiais que fora reunindo grazas á axuda de distintas persoas entre as que se atopaban intelectuais como o escritor e lexicógrafo Marcial Valladares ou Alejandra, a primoxénita que tivo con Rosalía de Castro. «O conxunto de materiais que Murguía foi acumulando desta maneira apareceu nun cartafol desordenado e sen atribucións. El realmente non recuperou ningunha das pezas populares, pero foi o responsable de recollelas e darlles un sentido unitario», explica o académico correspondente.
Os limiares conservados na RAG foron chave para a identificación dos papeis coidados pola Barrié. Entre outra información, sinalan momentos nos que as Rimas estiveron a piques de ser publicadas. «O primeiro datámolo cara a 1891, polas referencias que contén. A finais do século XIX, en 1895, chega a haber anuncios da impresión, que inclúen ademais a mención a unha subvención da deputación, o que leva a sospeitar que algo puido chegar a ser impreso», detalla Rodríguez. Máis ou menos da mesma época é o segundo prólogo, que se ten identificado como o último intento de edición.
O autor
Diego Rodríguez é membro correspondente da Real Academia Galega e responsable de Patrimonio e Cultura e bibliotecario da Fundación Barrié. Bateu por primeira vez coas Rimas de Murguía, hai xa máis de vinte anos, na entidade para a que traballa. Foi a través do fondo de Said Armesto, quen recibira do propio Murguía as 77 follas numeradas da transcrición que outro académico fundador, Florencio Vaamonde Lores, realizara por encarga do historiador, escritor, xornalista e político de cara á preparación da frustrada publicación. Desde entón o historiador traballou pola promoción deste legado manuscrito, do que tamén forman parte algúns pregos do puño e letra da rede de correspondentes de Murguía e mais dous prólogos das Rimas conservados no Arquivo da RAG.













